Tanxugueiras, protagonistas esta noite en ‘Luar’

0
29

Santiago, 04.02.2022.-  O trío de pandeireteiras máis famoso do momento, Tanxugueiras, chega esta noite a ‘Luar’ (21:55 h) tras o seu aplaudido paso polo festival de Benidorm. O grupo, que está a revolucionar a música en galego, falará da súa experiencia no controvertido certame e repasará a súa traxectoria tamén no musical da Galega, onde acudiron por primeira vez hai cinco anos e con cada un dos seus discos. Amais, no transcurso da noite, Aida, Olaia e Sabela saudarán en directo a Rigoberta Bandini e Chanel, finalista e gañadora do certame, respectivamente, mentres asisten como convidadas ao programa de Javier Ruíz en TVE.

Tanxugueiras, que abrirá as súas intervencións co tema ‘Terra’, presentará ‘Averno’, o primeiro sinxelo do disco que o trío lanzará este ano e para o que contan coa colaboración do rapeiro madrileño Rayden, outro dos finalistas en Benidorm a semana pasada.

Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández daranlle a benvida, amais, a outra banda de mulleres que transmiten forza e diversión nas súas actuacións, a viguesa Broken Peach, todo un espectáculo en cada unha das súas actuacións, cos seus temas de soul&rock e a perfecta harmonía das súas voces.

Esta edición en que destacan as pandeiretas, ‘Luar’ traerá a ‘Pandeirada sideral’ de Zapato Veloz. O divertido grupo pop achegará esa persoal versión de ‘Hay un gallego en la luna’ e o seu lendario ‘Tractor amarillo’.

A posta en escena da pontevedresa Orquestra Miramar, a asociación cultural Tahúme, e o Folión Xograres de Lemos, poñen o ramo as actuacións musicais do programa, que contará tamén coas intervencións humorísticas do monologuista Joaquín Pajarón, de Brandariz e Rei, e de Lauren e Sabela.

Por outra parte, no certame ‘Recantos’ competirán Iván Pérez, procedente de Ourense sur, e Marta Pacín, representante da Terra Chá. Finalmente, neste programa dedicado á comarca lucense de Terra de Lemos, o concurso telefónico do programa porá en xogo un bote acumulado de 6.000 euros.

Fuente Crtvg.es