Televisión de Galicia medra en audiencia e pecha 2021 no 10,1%

0
18

Santiago, 31.12.2021.- Televisión de Galicia pecha o ano 2021 confirmando a traxectoria ascendente dos seus datos de audiencia e como líder da información. A TVG acada o 10,1% e volve aos dous díxitos nun contorno de máxima competencia e fragmentación das audiencias.

O forte apoio aos informativos da Galega, con bloques líderes nas súas franxas de emisión, e o entretemento no prime time -apoiado por un crecente day time- de toda a semana conseguen que a canle pública remate 2021 coa solidez destes datos de audiencia.

Neste final de 2021, A CRTVG tamén celebra o percorrido ascendente da Radio Galega, con datos históricos para o conxunto de emisoras públicas, con 256.000 oíntes de luns a venres, segundo a derradeira onda do ano do EXM. Segundo os datos do EXM, a Televisión de Galicia é a canle autonómica máis vista de España no 2021. A TVG remata 2021 como a única canle pública que medra en audiencia en Galicia, e unha das dúas que medran en audiencia de entre todas as xeralistas que operan en Galicia.

Récord en medios dixitais e públicos novos

As boas audiencias da TDT compleméntanse coa consolidación da estratexia no eido dixital da CRTVG e co lanzamento en 2021 do portal de noticias G24.gal e o de podcast radiogalegapodcast.gal.

 

É o público máis novo quen desfruta maioritariamente dos contidos en redes, webs e app da Corporación, que neste 2021 creceron en seguimento: Facebook, un 20% máis que en 2020; Twitter, un 9% máis que no 2020; ou Instagram, onde os contidos da CRTVG foron seguidos este ano un 104% máis que en 2020 e cuxos seguidores rozan xa os 4 millóns, un 47% máis que o ano anterior.

Ademais, as visitas a YouTube superaron os 9 millóns, cun 33% máis de subscritores que en 2020, e o perfil de Twitch consolídase como canle de comunicación en galego co desenvolvemento do novo proxecto de #DígochoEu para esta rede os luns e mércores pola noite. #DígochoEu acadou tamén unha boa posición na rede Tiktok -que acaba de desbancar a Google como a páxina máis buscada de 2021-, e remata 2021, despois de apenas un ano de percorrido, con 160.000 seguidores e máis de 10 millóns de impactos.

…………………………….

Fuente Crtvg.es