Teo Cardalda, Tamara, Sito Sedes e Los Satélites presentan en ‘Luar’ os seus novos temas

0
16

Santiago, 30.04.2021.-  ‘Luar’ (21.55 h) despide o mes de abril coa nova aposta musical do vigués Teo Cardalda. O artista, coñecido polo seu paso por Golpes Bajos e na actualidade compoñente de Cómplices, lanza agora un álbum en solitario, en que musicaliza poemas do escritor, dramaturgo e poeta Ramón María del Valle-Inclán. Claves líricas. Nueve poemas musicalizados de Ramón María del Valle Inclán contén 16 pezas musicais, entre as que se atopa ‘La rosa del reloj’, o sinxelo que cantará esta noite.

Outra das voces máis recoñecidas da música, a cantante Tamara, tamén presentará esta noite no programa a súa versión persoal do bolero ‘Espérame en el cielo’, tema co que a artista volve facer maxia coa súa interpretación. Este lanzamento forma parte dun proxecto solidario, en que parte dos beneficios van destinados ás vítimas da covid. A sevillana ofrecerá, amais, ‘Dos corazones’, co que a artista celebrou os seus 20 anos de traxectoria profesional no mundo da música.

Nesta noite de estreas non podía faltar o debut discográfico de Xisco Feijoó, que hoxe lle avanzará á audiencia os sinxelos ‘Peixe’ e ‘Animal’ do seu disco Peixe, unha proposta fresca e actual da música tradicional e das nosas raíces.

Sito Sedes, todo un mito da música popular galega e exvocalista de Los Satélites sobe de novo ao escenario de ‘Luar’ na compaña da súa histórica orquestra. Sedes está inmerso nun novo traballo discográfico, en que recompila medio cento de cancións interpretadas por el desde 1970 ata a actualidade.

Os cantareiros de Os do Fondo da Barra e as mozas da agrupación folclórica Soalleira de Dorrón completan o elenco de formacións convidadas á presente edición.

No certame ‘O mellor DECADA casa’ veranse as actuacións únicas de Sergio Pazos, que encarna a década dos 50, e Manuel Manquiña, dos anos 60, interpretando dous referentes deses anos: ‘A praga’ e ‘Quixera ser’, respectivamente. O bote do concurso telefónico segue crecendo e parte hoxe con 7.000 euros.

Paco e Pepe e o dúo formado por Pedro Brandariz e Fran Rei achegarán unha boa dose do seu mellor humor. Por outra parte, Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez darán paso a unha nova edición do certame de talentos ‘Recantos’, en que competirán Begoña Mazaira, en representación de Ourense Sur, e Lidia Sueiro, de Terras de Ordes.

Fuente Crtvg.es