Tradición e modernidade únense na gran gala do 24 de xullo, que incluirá a retransmisión dos Fogos do Apóstolo

0
42

Santiago, 24.07.2023.-    A TVG celebra esta noite a festividade do Día de Galicia cunha gala por todo o alto que reivindicará a música dos novos avós e que incluirá a retransmisión dos Fogos do Apóstolo, que, ao igual que en anos anteriores, se lanzarán desde cinco localizacións diferentes de Santiago de Compostela.

O programa será presentado por Xosé Ramón Gayoso, que, para esta achega á tradición musical, estará acompañado pola nova xeración de presentadores e creadores de contido nas redes sociais da CRTVG: Alba Mancebo, Esther Estévez, Yaiza López, Xulia Lomba, Gabri Fuentes, Clara Rial, Leire Vázquez e Pablo Sanmartín.

Baixo o lema ‘Do torreiro á pista de baile, unha homenaxe á música dos avós’, a gala deste 24 de xullo estará protagonizada por grupos e asociacións folclóricas. Ese folclore é hoxe o sustento das músicas mais modernas e vangardistas, un fenómeno que tivo a súa maior visibilización co éxito das Tanxugueiras tras o seu paso polo Benidorm Fest. Pero este movemento de renovación xa levaba anos fraguándose. Intérpretes de varias xeracións levan tempo de busca para aliar o folclore coa electrónica, o pop e a experimentación musical.

O programa contará tanto con actuacións máis tradicionais, de grupos que basean o seu repertorio nas recollidas que lle fixeron aos maiores, como coas revisións vangardistas que están xurdindo deste repertorio, tanto en Galicia coma no resto de España.

Así, polo escenario pasarán a cantante Sheila Patricia, que mestura o canto tradicional coa electrónica; Guadi Galego, unha das artistas máis destacadas da música galega; Treixadura, unha das agrupacións máis importantes da música tradicional do país; Leilía, seis mulleres que cantan e tocan música tradicional coa pandeireta e que levan máis de 30 anos recuperando do esquecemento a tradición oral galega; a orquestra SonDeSeu, a primeira orquestra sinfónica folk de Galicia, e o cantante, percusionista, bailador e coreógrafo Xisco Feijoó, que se achega á tradición cun toque de modernidade.

A gala do 24 de xullo tamén contará coas actuacións da Escolanía da Catedral de Santiago e o Coro Lingua de Signos; os grupos Neutrx e Mondra; a Agrupación Arume de Caión; Kike Varela con Gloria Cespón e Puga; Xurxo Fernandes e Pansenfron e a orquestra Recanteira.

Representando o folclore do resto da Península Ibérica estarán Burbús, de Asturias; El Gato con Jotas, de Estremadura; o Grupo Folclórico El Pilar, de Aragón; Korrontzi, de Euskadi, Noites de Rock e Meigas, de Castela e León; Vicente Navarro, de Castela a Mancha; Las Migas, de Andalucía; Fado Bicha, de Portugal; Eva Amieva, de Cantabria, e Baaldo, das Illas Baleares.

No medio da festa, arredor das 23.30 h, haberá un alto para retransmitir en directo os Fogos do Apóstolo, un dos momentos máis agardados da festa do 25 de xullo na capital galega. A pirotecnia será lanzada desde cinco localizacións diferentes da cidade: o Parque Eugenio Granell, a carballeira de Santa Susana, o Parque Carlomagno, As Cancelas e o Monte Gaiás, formando unha coroa de fogos artificiais para goce de veciños e visitantes. O espectáculo será comentado na Televisión de Galicia por Arturo Fernández e Moncho Lemos.

Fuente Crtvg.es