Un viveirista, un educador ambiental, un agricultor e un criador de porco celta contan a súa historia en ‘Cos pés na terra’

0
5

Santiago, 14.09.2020.‘Cos pés na terra’ (22.40 h), un programa onde homes e mulleres, sobradamente preparados, demostran que hai futuro máis alá das cidades e amosan a súa opción inequívoca de quedar no campo, ten este luns unha cita na aldea con Carmen nunha xornada chea de expresividade e de sabores. E todo dando exemplo do que debe ser a mestura interxeracional.
    
Para sentirse libre como un cabalo ao galope, o programa visitará o Centro Equino O Ventoso, onde Marcos dará toda unha lección de que os días no campo se pasan mellor se son compartindo. Nesta dobre entrega, os espectadores coñecerán tamén a David, un viveirista do máis didáctico, afeito a non deixar colgados os seus seguidores subindo vídeos á Rede, que nesta ocasión se terá que enfrontar a unha misión de asesoramento salvaxe.

O espazo da TVG tamén falará con Carlos, agricultor especializado en produtos foráneos, un rapaz que, a base de paixón e esforzo, foi quen de plantar en Galicia produtos traídos de alén dos mares e que nunca antes foran producidos nestas terras.

Ademais, ‘Cos pés na terra’ visitará a Anxo, un educador ambiental ao que lle gusta gabear polas árbores, que é incapaz de poñerlle freo á súa imaxinación e que hoxe compartirá cos espectadores da canle pública galega unha xornada de cine.

O programa rematará falando do porco celta con todo un experto, Xan, co que a audiencia poderá aprender algo máis deste animal, que antano era o máis común nas cortes de Galicia.

Fuente Crtvg.es