Santiago, 06.12.2019.- A gran diva da canción Paloma San Basilio regresa aos escenarios e ao programa ‘Luar’ por todo o alto, xa que a artista acaba de publicar un novo disco, ‘Más cerca’. Un álbum gravado en Madrid e Os Ánxeles, onde interpreta temas memorables de autores como Joan Manuel Serrat, Armando Manzanero, Francisco Céspedes ou Lennon e McCartney, que van formar parte do espectáculo co que percorrerá España en 2020.
Continuará o ambiente de festa en ‘Luar’ coas actuacións de La Década Prodigiosa, que esta noite fará bailar o público coa súa selección de ‘Éxitos latinos’, e cos ritmos contaxiosos da orquestra Super Hollywood.
Tamén Os fillos do Estramonio traerán diversión ao musical coa súa canción inspirada na nora de Nadal de Vigo, unha particular versión do tema ‘Gloria’ de Umberto Tozzi. Un dos grupos de punk e metal destacados do noso país, cuxas letras buscan axitar conciencias, o estradense Nao, anunciará hoxe en ‘Luar’ a súa despedida dos escenarios tras 13 anos de traxectoria. E en representación da música tradicional galega, asistirán Xoán Rubia, Os Terribles de Donas co coro Abrente de Mos, e a asociación cultural Fogo Fatuo.
O xurado do certame de talentos ‘Recantos de Ouro’, este venres formado por Fátima Pego, Manuel DeAndrade e Paloma San Basilio, avaliará as actuacións de Ruth Cundíns, procedente de Terras de Compostela, e de Maite, da zona Noia-Barbanza.
A maiores, haberá tempo para o humor, co coñecido dúo Brandariz e Veiga, e para o ilusionismo máis sorprendente, nas intervencións do Mago Joel.
Fuente Crtvg.es