‘Vaia Troula’ sae esta semana por toda Galicia e parte de Portugal na procura do galo que mellor canta

0
27

Santiago, 24.05.2023.-    Na súa segunda entrega desta temporada, o ‘Vaia Troula’ (22.35 h) ofrece este mércores pola noite un programa moi especial en que tanto a presentadora Noelia Rey como o equipo de reporteiras sairán por toda Galicia e parte de Portugal na procura do galo que mellor canta. Tomando a Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces como fío condutor do espazo, os espectadores irán vendo as calidades dos galos máis senlleiros a través dunha serie de divertidas reportaxes. Ademais, o programa entregará os prestixiosos trofeos ‘Galo Trouleiro’ nas súas distintas categorías.

A mestra de cerimonias, Noelia Rey, estará na Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces. Alí gozará da música tradicional, da actuación de David Civera, e, sobre todo, do incrible sabor do galo de curral deste concello. Pola súa parte, a reporteira Amanda Fernández aprenderá a cociñar o galo de Vila de Cruces de distintas formas e tamén verá como se cría este manxar.

Mentres, Noelia Salgado terá a oportunidade de viaxar ata Barcelos, en Portugal, para descubrir todos os segredos do galo máis famoso do país veciño. E Adela Bértolo sairá á rúa para comprobar se os galegos saben cantar as cancións do galo como manda a tradición.
    
O galo de Mos, o galo Piñeiro e as verbenas dedicadas ao galo tamén terán cabida nun programa cheo de diversión, música e sorrisos a esgalla. Aínda que o momento máis emocionante do programa deste mércores será a entrega dos trofeos ‘Galo Trouleiro’, que, desta volta, premiarán a elegancia, o sabor, a fama internacional e tamén ao galo máis festeiro de Galicia. Quen levará cada galardón? A resposta, este mércores pola noite na Televisión de Galicia.

Fuente Crtvg.es