Wöyza dá boa mostra na G2 da súa versatilidade e calidade artística, nun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’

0
7

Santiago, 21.04.2021.- A moañesa Wöyza, cantante e autora, produtora galego-uruguaia, pioneira e referente na escena hip hop, soul e R&B, tanto en lingua española como en galego, é a versátil artista protagonista dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que a G2 ofrece esta noite a partir das 23.25 horas.

Comezou en 2003 a súa carreira vinculada ao hip hop nacional e portugués e, tras publicar varios álbums, foi recoñecida como mellor artista de músicas urbanas nos Premios Martín Códax (2014 e 2019). É fundadora do selo Wötown, en que une todos os seus traballos musicais, e nos últimos anos participou en álbums e en concertos con artistas de distintos estilos, como Arkano, Nach, Rapsusklei, Payo Malo, Bomba estéreo, Gran Purismo, Dealema, Carlos Núñez, Pablo Nóvoa, entre outros.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es