‘Xente Marabillosa’ expón este mércores casos de ‘estranxeirofobia’ en Galicia

0
18

Santiago, 13.12.2023.-    Este mércores, ‘Xente Marabillosa’ ofrece o seu último programa do ano entrando de cheo nunha problemática da que, polo momento, só existen casos illados en Galicia: a ‘estranxeirofobia’. A medida que se incrementa a poboación foránea que se asenta na comunidade, o que inicialmente semella unha situación favorable, deriva de maneira puntual en conflitos e rexeitamento por parte de certos individuos, baseados sobre todo en cuestións culturais, idiomáticas e económicas.

O crime de Santoalla, que inspirou a película ‘As bestas’, de Rodrigo Sorogoyen, é un exemplo do que pode chegar a suceder se non se frean estes comportamentos. Os problemas entre a parella holandesa formada por Martin Verfondern e Margo Pool e os seus veciños, os irmáns Juan Carlos e Julio Rodríguez, escalaron ata converterse nun terrible capítulo da crónica negra galega.

Por iso, co obxectivo de frear situacións como as que ocasionaron a morte de Martin, o programa emitirá dúas cámaras ocultas en que unha muller suíza acudirá a unha ferraxería local para mercar os utensilios que precisa para a casa que mercou recentemente. Alí sufrirá as burlas e o desprezo dun dos dependentes, pero dúas persoas extraordinarias darán un paso adiante para defendela. Como recoñecemento, serán homenaxeadas polo equipo de programa, coa presentadora Lucía Rodríguez á fronte.

No estudio tamén estarán presentes Moncho Borrajo, o padriño desta entrega, e Catuxa Salom. O humorista, escritor e pintor, nado en Baños de Molgas, achegará a súa experiencia sobre a temática do programa e axudará a Lucía a introducir e desenvolver algunhas das sorpresas preparadas. Mentres que a cantante galaico-arxentina, unha das grandes revelacións dos últimos anos, regresará ao escenario de ‘Xente Marabillosa’ para interpretar un tema do seu primeiro disco, titulado ‘Nunha aldea’. Ademais, producirase unha situación única na historia do programa a nivel nacional, que obrigará a presentadora a saír en busca dunha das persoas marabillosas convidadas.

Fuente Crtvg.es