Xosé Manuel Piñeiro regresa este sábado á TVG á fronte do especial ‘Aquí Portugal’, en emisión simultánea coa RTP

0
9

Santiago, 13.11.2019.-  Un dos presentadores máis queridos da canle pública galega, Xosé Manuel Piñeiro, ponse de novo este sábado á fronte dun programa da TVG. Esta agardada reaparición terá como motivo a realización dun directo moi especial, unha nova edición do ‘Aquí Portugal’ (15.45 horas). Este espazo conxunto realizarase en emisión simultánea coa RTP portuguesa e emitirase desde un escenario instalado na praza do Obradoiro en Compostela.

Esta é a quinta ocasión en que Televisión de Galicia e a Radio Televisão Portuguesa producen conxuntamente este programa e unen os seus recursos arredor dunha proposta televisiva coa que se estreiten máis os lazos entre as culturas galega e portuguesa. Ao carón de Piñeiro, que xa presentara a primeira edición celebrada en Ourense, intervirán dúas facianas moi coñecidas da Galega, Lucía Rodríguez e Arturo Fernández, e os presentadores portugueses Hélder Reis, Joana Teles e Catarina Camacho.

A canle lusa leva incluso máis anos que a TVG emitindo con éxito este magazine divulgativo e musical en directo cada sábado á tarde. Neste especial conxunto, o Camiño de Santiago será o tema central dun programa, en que a capital de Galicia terá tamén gran relevancia, con contidos sobre a catedral, os ourives das Praterías, os artistas da rúa, os doces máis típicos e mesmo se falará da celebración do próximo Xacobeo 2021.

Ademais dos variados convidados, polo escenario do ‘Aquí Portugal’ pasará unha longa listaxe de grupos galegos e portugueses, como Budiño, Cantigas e Agarimos, A Banda da Balbina, Monoulius Dop, Som do Galpom, De Vacas, Sedarf e AMA-Amar Mais Agora.

‘Aquí Portugal’ emitirase para unha audiencia potencial de máis de 13 millóns de persoas, ao ofrecerse a través das primeiras canles terrestres de ambos os dous países e pola RTP Internacional, que leva o sinal polas comunidades lusófonas de todo o mundo, así como polas canles TVG Europa e TVG América.

A relación da Radio Televisión Portuguesa (RTP) e a CRTVG é estreita e se traduce no desenvolvemento continuo de proxectos conxuntos no eido audiovisual e institucional. Entre os máis recentes, a gravación e emisión de programas e coproducións de ficción como ‘Auga seca’, serie gravada este verán, principalmente en Vigo e Porto e próxima a emitirse, ou a serie xuvenil ‘Verán M’, tamén rodada nos dous países e ofrecida este verán pasado. Anteriormente, cómpre citar o éxito de ‘Vidago Palace’, a primeira serie coproducida entre TVG e RTP, que logo de emitirse nas dúas canles chegou ao mercado internacional despois do seu paso en 2018 polo Mipcom en Cannes. Tamén se converteu na primeira serie rodada en galego e portugués emitida no territorio norteamericano, na canle por cable Acorn TV.

Na foto superior, Xosé Manuel Piñeiro, coa presentadora portuguesa Sónia Araújo, na primeira edición conxunta do ‘Aquí Portugal’ en Ourense.

Fuente Crtvg.es