19 producións apoiadas por FORTA estrearanse no Festival de Cine de San Sebastián

0
8

Santiago, 16.09.2020.-  Malia a pandemia mundial provocada pola COVID-19, que obrigou a restrinxir eventos e encontros sociais, a paixón deste país polo cine é evidente, e boa proba diso é que o vindeiro 18 de setembro terá lugar a 68 edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián cumprindo, por suposto, con todas as medidas de seguridade pertinentes. O Festival Internacional de Cine de San Sebastián é un dos máis lonxevos e prestixiosos de Europa, e é o único festival da máxima categoría que albergamos no noso país. Para poder celebralo, o certame cinematográfico terá unha ocupación limitada de aproximadamente a metade da súa capacidade, disminuirase un 23% o número de proxeccións e un 31% o número de películas. 

FORTA, a Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos, está moi implicada nas producións audiovisuais e o apoio ao sector cinematográfico, de feito, en 2019 achegaron máis de 435 millóns de euros á industria audiovisual local. Unha mostra diso, son os 19 títulos cinematográficos en que participan as corporacións autonómicas:

‘Las niñas’ (Feita en España)

Longametraxe ambientada nos anos 90, a España da Expo e as Olimpíadas, en que participou Aragón TV. A película conta a historia de Celia, unha nena de 11 anos que descobre as verdades e as mentiras da vida empurrada por Brisa, unha compañeira nova no colexio de monxas en Zaragoza. Directora: Pilar Palomero.

‘La isla de las mentiras’ (Feita en España)

Película baseada en feitos reais sobre o rescate dos sobreviventes dun naufraxio por parte dun grupo de mulleres galegas da illa de Sálvora; un acto heroico que pagarán moi caro. Nesta produción participaron TVG e EiTB. Directora: Paula Cons.

‘Arima’ (Feita en España)

A película ‘Arima’ tamén conta co apoio de TVG. A longametraxe conta a historia de catro mulleres e unha nena cuxa vida se ve alterada pola chegada inesperada de dous descoñecidos. A película debátese entre o real e o imaxinario. Directora: Jaione Camborda.

‘El verano que vivimos’ (Gala benéfica)

A película de Carlos Sedes, en que participa Canal Sur, narra unha historia de amor máis aló das barreiras de espazo e tempo. A trama, contada en dous tempos, trasladarase ao Xerez dos anos 50 como escenario principal, facendo un percorrido a través da súa historia, a súa cultura, adegas e viñas. Director: Carlos Sedes.

‘Akelarre’ (Sección oficial)

No século XVII, un xuíz cuxa misión é purificar a rexión dunha pequena aldea de Navarra, arresta varias mulleres, acusándoas de bruxería e facendo todo o necesario para que estas confesen. Esta produción conta co apoio de EiTB e TVG. Director: Pablo Agüero. 

‘Ane’ (New Directors)

Esta película, apoiada por EiTB, conta a historia de Lide, pai dunha adolescente (Ane) que desaparece repentinamente. Investigando o paradoiro da súa filla, Lide descobre que Ane non é a persoa que el cría. Director: David Pérez Sañudo.

‘Hil kanpaiak’ (New Directors)

‘Hil kanpaiak’ ou ‘Campanadas a muerto’ en castelán, relata a aparición duns ósos humanos no casarío Garizmendi. Os donos chaman a policía, pero cando os axentes chegan os ósos desapareceron. Unha serie de feitos tráxicos reabre vellas feridas dos membros da familia e os seus achegados. Película en que tamén participa a autonómica vasca, Euskal Irrati Telebista. Director: Imanol Rayo.

’Alardea’ (Gala de EiTB)

O filme ‘Alardea’, conta co apoio de EiTB para contar a loita de Amaia por defender os dereitos das mulleres para participar no desfile da cidade. Esta profesora de infantil vese obrigada a enfrontarse a familiares e reabrir vellas feridas, para lograr o seu obxectivo. Director: David Pérez Sañudo.

‘Arzak’ (Basque Culinary)

A película analiza a evolución da cociña tradicional, a cociña moderna e a gastronomía a través do restaurante Arzak, situado en San Sebastián. Conta a historia de Jose Mari e o prestixio que logrou tras moitos anos de traballo e un enorme esforzo, ata chegar a ser un referente do noso país. EiTB participa nesta longametraxe. Director: Asier Altuna. 

‘Nora’ (Zinemira)

EiTB participa nesta produción. O soño de Nora sempre foi ser escritora de viaxes, polo que ao morrer o seu avó e recibir unha substanciosa herdanza, lánzase a facer un road trip pola costa do País Vasco. Nel descobre a liberdade e as oportunidades que a vida pode ofrecerlle.  Directora: Lara Izagirre.

‘918 GAU’ (WIP Europa)

918 é o número de noites que pasou a directora Arantza Santesteban en prisión, acusada dun delito de terrorismo a causa da súa actividade política. No filme, Arantza conta como é o cárcere e o que supón vivir nun mundo illado e carente de imaxes. A película conta co apoio de EiTB. Directora: Arantza Santesteban.

‘Rifkin’s Festival’ (Inauguración Sección Oficial. Fóra de concurso)

TV3 é a coprodutora deste filme, que narra a historia dun matrimonio estadounidense que acode ao Zinemaldia de San Sebastián. A parella queda prendada do festival, así como da beleza e encanto de España e a fantasía do mundo do cine. Ela ten unha aventura cun  director de cine francés e el namórase dunha residente na cidade. Director: Woody Allen.

‘Sentimental’ (Proxeccións RTVE)

TV3 adquiriu os dereitos de antena deste título, que trata as relacións sentimentais cotiás de dúas parellas que viven no mesmo bloque de pisos. A cordialidade entre os dous fogares vese interrompida cando a parella do baixo invita a outra a unha cea, durante a que lles propoñen practicar sexo en grupo.    Director: Cesc Gay.

‘La boda de Rosa’ (Feita en España)

À Punt apoia a longametraxe sobre Rosa, unha muller de 45 anos que decide deixalo todo e tomar as rendas da súa vida, abrindo o seu propio negocio e casando consigo mesma, algo que non resulta tan sinxelo coa oposición da súa familia. Directora: Icíar Bollaín.

‘El Drogas’ (Zinemira)

Documental biográfico apoiado por EiTB que explora as dimensións e vertentes da figura de Henrique Villareal, el Drogas, a historia dun ser que camiña torcido para ver o que hai ao outro lado. Un retrato humano onde a memoria individual conflúe coa colectiva ofrecéndonos un relato histórico e vital dunha das figuras máis importantes do rock and roll. Director: Ignacio Leuza.

Ademais destas 15 películas, as televisións autonómicas apoiaron e participaron na produción dunha serie e tres documentais:

‘El Estado contra Pablo Ibar’

A serie, baseada en feitos reais, conta a loita de Pablo Ibar. Tras máis de 20 anos en prisión e condenado a morte, o Tribunal Supremo da Florida confirma a falta de probas contra Ibar e ordena que se repita o xuízo, cuxo custo supera o millón de euros, diñeiro que a familia Ibar non posúe e que actualmente está intentando recadar. A serie conta co apoio de Canal Sur e EiTB. Director: Olmo Figueredo González-Quevedo.

’Non dago Mikel?’

O documental apoiado por EiTB relata a desaparición durante 20 anos de Mikel Zabalza tras ser detido pola Garda Civil, que o confundiu cun militante da ETA. O documental afonda na desconfianza cara á xustiza, as protestas e o estourido social xerado.

‘Lobster Soup’

À Punt apoia a produción deste documental. Unha pequena cafetaría dunha vila islandesa onde se serve a mellor sopa de lagosta, vese invadida por turistas que seguen a moda de viaxar a Islandia. O documental afonda na idea da globalización, e na supervivencia á que se enfronta esta pequena cafetería para sobrevivir. Directores:  Pepe Andreu e Rafa Molés.

‘La receta del equilibrio’

Unha parella de cociñeiros enfróntase ao reto que supón reabrir os seus restaurantes tras a COVID-19. O documental está protagonizado polo cociñeiro valenciano Ricard Camarena e a responsable dos seus restaurantes, Mari Carmen Bañulsen, e apoiado por À Punt. Director: Óscar Bernàcer.

Fuente Crtvg.es