A amnesia, a infidelidade e a música, tramas da maratón de ‘Pratos Combinados’ que a TVG ofrece hoxe

0
10

Santiago, 29.04.2020.-  Nunha nova maratón da serie ‘Pratos Combinados’ (22.30 h), os espectadores verán hoxe ‘Amnesia’, capítulo cuxo fío argumental xira arredor dunha perigosa perda de memoria sufrida por Antón. Un golpe fortuíto na cabeza, provocado por un descoido de Miro, produce amnesia no cuñado de Miro. Non lembra nada do seu pasado, nin sequera a súa verdadeira personalidade. Antón convértese nun home atento, servicial, cariñoso e desprendido. Está tan cambiado que algúns desexan que quede amnésico para sempre. Pero cando gasta a recadación do bar en mercar rifas para a viaxe de fin de curso de Migueliño, comezan a ver o asunto con outros ollos.

Na segunda entrega, titulada ‘Noite de rock’, como un famoso grupo, situado nos postos máis altos das listaxes de vendas, actúa na cidade e a casualidade quere que entren no Bar Suízo. Rosalía sente unha especial atracción polos músicos, pero sabe que tales amizades nunca serán ben vistas polo seu pai. As mentiras de Rosalía crean unha situación chea de equívocos, que farán descubrir a un Miro máis disposta ca nunca.

A continuación, en ‘Dillo con flores’, Miro terá que aguantar a ‘presión’ da sospeita de infidelidade por parte da súa dona Balbina. Balbina está desgustada, xa que Miro esqueceu felicitala no seu aniversario. Pero o seu home, ‘asesorado’ por Antón e Paspallás, comeza a pensar que Balbina ten un amante. Un ramo de rosas que debía ser o primeiro paso da reconciliación acaba en mans equivocadas e complica aínda máis a situación, provocando o desencontro de Fran e Rosalía.

A maratón esta noite despídese con ‘Bolero’, onde a audiencia volverá atopar un Miro Pereira emprendedor, decidido e disposto a que o Bar Suízo sexa o de máis clientela da cidade. Deste xeito, ao comprobar como algúns bares da competencia están a facer un gran negocio coas actuacións musicais, e despois dun concienzudo ‘asesoramento’ por parte do tío Antón, Miro decide buscar un cantante que sirva como reclamo para a clientela. Así, pois, disponse a escoitar varios candidatos e, finalmente, deciden contratar a Silvana das Mirindas, famosa intérprete de boleros, para que anime o bar durante as noites das fins de semana.

Fuente Crtvg.es