A artista Estrella Morente, unha das grandes figuras do flamenco e da canción española, convidada esta noite en ‘Luar’

0
9

Santiago, 20.01.2023.-    O programa ‘Luar’ contará este venres cunha convidada de excepción: a cantante Estrella Morente, unha das grandes figuras do flamenco e da canción española. Filla do cantador Enrique Morente e da bailadora Aurora Carbonell, criouse rodeada de artistas e empapouse da esencia do flamenco desde a infancia. A artista granadina interpretará temas do seu último disco, ‘Leo’, o seu álbum máis visceral, en que se atreve a tocar todos os paus do flamenco e onde deixa aflorar os seus máis feroces sentimentos.

Tamén estará hoxe no escenario do programa Micky, un dos cantantes españois máis populares nos anos 60 e 70. O madrileño non deixou os escenarios desde que comezou con Micky y los Tonys, unha banda coa que coñeceu un éxito pouco habitual entre os poucos que daquela practicaban rock no noso país. O popular artista deleitará o público e a audiencia con algúns dos seus grandes éxitos, como ‘Enséñame a cantar’, o tema co que en 1977 representou a España no Festival de Eurovisión.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández recibirá o creador galego de contido Iago Gordillo, responsable da versión en galego da canción do momento, a coñecida ‘Session 53’ de Shakira e Bizarrap, da que non deixan de sucederse memes, comentarios e reaccións. Na súa versión, realizada xunto a Jon Amil, Gordillo inclúe referencias á cultura pop galega, mesmo ao propio programa ‘Luar’.

As actuacións de Puro Relajo, grupo de música mexicana e latina en éuscaro, da Asociación Cultural O Son do Castro e de Adriana Vigo completan as propostas musicais do programa desta semana, que contará cunha nova entrega do concurso ‘Recantos’, nesta ocasión coa participación de Laura Sánchez, procedente de Terras do Eume, e de Inés, representante da comarca Ourense central.

Fuente Crtvg.es