A candidata ao Goya Benedicta Sánchez e o presentador Arturo Fernández acompañarán a Gayoso nas badaladas de Fin de Ano

0
5

Santiago, 28.12.2019.–  Xosé Ramón Gayoso despedirá este 2019 acompañado da actriz Benedicta Sánchez e do presentador Arturo Fernández. Os tres serán os protagonistas das badaladas de Fin de Ano que a Televisión de Galicia está a preparar para a noite do 31 de decembro, a partir das 23.55 h. As doce badaladas que anuncian o Aninovo seguiranse en directo desde a praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, e soarán simultaneamente coas do reloxo da Porta do Sol de Madrid.

Este ano, o presentador de ‘Luar‘ volve ter dobre compañía, nunha noite en que non faltarán os sorrisos, o bo humor e, por suposto, a información precisa para aclararlles a todos os espectadores cal é o momento oportuno, despois dos famosos cuartos, para comer as doce uvas da sorte.

A actriz Benedicta Sánchez, con 84 anos e sen experiencia previa no cine, está proposta ao premio Goya como mellor actriz revelación polo seu papel na película ‘O que arde’, de Oliver Laxe. Pola súa parte, Arturo Fernández presenta o ‘Malicia Noticias’ da TVG e, tamén, entre outros programas da canle autonómica, ‘Inimitables’, do que o día de Nadal se ofreceU unha edición especial conxuntamente coa televisión pública asturiana. Ambos os dous formarán un grande equipo xunto a Gayoso para despedir o ano con todos os galegos.

Fuente Crtvg.es