A cantante Amparo Sandino e a orquestra Panorama deixarán pegada esta noite no escenario de ‘Bamboleo’

0
14

Santiago, 16.01.2021.-    ‘Bamboleo’ volve este sábado pola noite ás pantallas de Televisión de Galicia con Xosé Manuel Piñeiro como condutor e cunha artista de renome como convidada: Amparo Sandino. O programa contará así mesmo coa actuación da orquestra Panorama, que ofrecerá unha selección musical única e un espectáculo incomparable.

Amparo Sandino foi referencia no estilo ‘tropipop’ dos anos 90 e, despois dunha parada, retomou a súa carreira como cantante. Sandino presentará en ‘Bamboleo’ o seu último tema, ‘Un poco más de amor’, cunha clara mensaxe de alegría e impregnado dos ritmos caribeños que caracterizan os seus traballos. Ademais, Amparo cantará sobre o escenario o seu buque insignia, ‘Gózate la vida’ e participará dos xogos máis entretidos que teñen preparados os colaboradores do programa.

Nesta noite de festa e diversión, a música da orquestra Panorama deixará pegada sobre o escenario do programa facendo bailar a todos os presentes, aínda que teña que ser sen moverse do sitio.

A parella de baile profesional formada por Erick e Alicia presentará o seu novo espectáculo de ritmos afrolatinos e ofrecerá unha exhibición da súa especialidade: baile urbano.

Polo ‘Bamboleo’ desta noite pasará así mesmo unha banda viguesa con nome dunha novela de Isaac Asimov: El Sol Desnudo. O grupo estará presentando o seu disco ‘Mapas en relieve’, en que se recolle o tema que interpretarán esta noite: ‘Bajo la lluvia de verano’.
    
Pola súa parte, os participantes do ‘Agora ou Nunca’ brindarán dúas actuacións de moito nivel. Annunziata Giannotta cantará ‘Titanium’, de David Guetta, e Iván Pérez fará o propio coa canción ‘Hoy tengo ganas de ti’, de Alejandro Fernández.

En ‘A Jrileira’, a sección de karaoke para clubs deportivos, xogarán David e Juan Carlos, do Club Baloncesto Noia e Club XL Milladoiro de Baloncesto, respectivamente. Primeiro interpretarán ‘Canta y sé feliz’, de Peret, e despois terán que adiviñar o maior número posible de intérpretes en minuto e medio.

Finalmente, na ‘ITV do Amor’ un concursante do público terá que adiviñar cal é a parella de Sandra en función das respostas da súas posibles mozas: Milena, Ivette e Sara.

Fuente Crtvg.es