Santiago, 30.07.2022.- ‘Bamboleo’ contará esta noite coa presenza de dúas artistas que estarán presentando as súas novidades musicais: Nerea Rodríguez e Lucía Pérez. A cantante catalá, que continua a súa traxectoria nos escenarios teatrais despois do seu paso pola academia de ‘Operación Triunfo’, chega cun adianto do seu próximo LP: un tema titulado ‘Malibú’.
Lucía Pérez interpretará un dos seus últimos éxitos, ‘Na miña pel’, unha canción en que lles canta ás mulleres da súa vida, e ‘Amárrame’, un tema orixinal de Mon Laferte que a do Incio versionou en galego. Nerea e Lucía compartirán momentos moi divertidos no ‘Sobes ou Baixas’, a sección que cada sábado trae Tamara Pérez, e nos xogos que prepara Claudio Pan.
A música máis festeira chegará coa renovada orquestra Magos, e Carlos e Marta, unha das parellas máis laureadas de Galicia en baile deportivo, farán dúas exhibicións de baile latino no ‘Dirtidansi’.
No ‘Agora ou Nunca’ cantarán Iria Varela e Alberto Meda, que interpretarán os temas ‘Crazy’, de Gnarles Barkley, e ‘Soldadito marinero’, de Fito y Fitipaldis. A Asociación Deportiva Miño e a Sociedade Cultural Deportiva Atlántida competirán polo premio de ‘A Jrileira’ cantando un clásico do verán, ‘La barbacoa’, de Georgie Dann, e adiviñando cantantes.
Finalmente, ‘A ITV do Amor’ porá a proba a Mónica e tres amigos, que contarán o que faga falta para enganar un participante do público, un xogo en que todos participan, mesmo os colaboradores do programa e os telespectadores en xeral.
Fuente Crtvg.es