A cantante Chenoa visita este sábado o programa ‘Bamboleo’

0
28

Santiago, 31.10.2020.-    ‘Bamboleo’ (22.00 h), o programa de entretemento dos sábados á noite na Televisión de Galicia, recibe esta semana a visita da cantante mallorquina Chenoa, que segue conseguindo éxitos co seu sétimo álbum de estudio, titulado ‘Soy humana’, unha escolma de pezas pop sobre o amor coa que quere reivindicar as relacións humanas nun momento de voga das novas tecnoloxías. A artista interpretará tamén o seu último sinxelo, ‘A mi manera’.

O programa da TVG presentado por Xosé Manuel Piñeiro tamén recibirá a visita da orquestra Barceló e do cantautor do Incio Vizcaíno, que está a preparar un traballo sobre o rural galego, con relatos e cancións súas.

No escenario tamén estarán Marta Vidal, interpretando ‘Lost on you’, de Laura Pergolizzi, e Marta López, co tema ‘Tusa’, de Karol G, para competir ambos os dous na sección ‘Agora ou Nunca’.

Coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá tamén as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘A Jrileira’, onde Nerea e Lorena se enfrontarán ao karaoke cantando ‘Quien piensa en ti?’, de Gonzalo, e ‘Dirtidansi’, en que Saúl e Lorena bailarán jive e tango.

Fuente Crtvg.es