A cantante Shaila Dúrcal e Xabier Díaz, un dos artistas galegos máis internacionais, visitan esta noite ‘Bamboleo’

0
32

Santiago, 22.01.2022.-  ‘Bamboleo’ (22.40 h) chega coma cada sábado coa súa fantástica mestura de música, diversión e entretemento. O espazo presentado por Xosé Manuel Piñeiro recibirá a visita de dous artistas de extraordinario talento e fama internacional: Shaila Dúrcal e Xabier Díaz. Ademais, contará coas actuacións da orquestra Costa Dorada.

A filla máis nova de Rocío Dúrcal e Antonio Morales ‘Junior’ iniciou a súa carreira musical como corista da nai e despois continuou a súa carreira como solista. Tras anos de éxitos, presenta un novo sinxelo, que hoxe interpretará en ‘Bamboleo’. Ademais de cantar, Shaila compartirá divertidas anécdotas da súa traxectoria e participará nos xogos que lle traerán os colaboradores: Claudio Pan e Tamara Pérez.

Xabier Díaz é un dos artistas galegos máis internacionais. Co seu último traballo, ‘As catedrais silenciadas’, liderou a lista de vendas na categoría folk a nivel estatal. Esta noite interpretará no programa da TVG o tema ‘Unha, dúas, tres e catro’ acompañado ao acordeón por Roberto Grandal.

O baile profesional chegará da man de dous bailaríns especialistas en bachata: Tamara e Cándido, que farán dous bailes con acrobacias incribles. Os participantes do ‘Agora ou nunca’ desta noite serán Aida Mosquera e David Míguez, que subirán ao escenario para cantar os temas ‘Ni la hora’, de Ana Guerra e Juan Magán, e ‘O tú o nada’, de Pablo Abraria.   

‘A jrileira’, o karaoke para entidades deportivas, recibirá a María, do Círculo Cultural Recreativo Deportivo Perlío, un club de fútbol de Fene, e a Roberto, do Club Torre Sociedade Deportiva da Coruña. En primeiro lugar, cantarán ‘5 sentidos’, de Dvicio e Taburete, e despois terán minuto e medio para adiviñar o maior número posible de intérpretes.

Finalmente, en ‘A ITV do amor’ un concursante do público terá que adiviñar cal é a parella de Roi en función das respostas das posibles mozas: Esther, Iria e Adalía.

Fuente Crtvg.es