A comunidade educativa do CEIP de Meaño gaña o concurso da canción de Nadal da CRTVG

0
10

Santiago, 11.12.2019.- Un colexio do Salnés fíxose coa quinta edición do concurso musical ‘Este Nadal canta con nós’, co que a CRTVG escolle a melodía destas festas para felicitar a todos os galegos. O alumnado do CEIP As Covas de Meaño gañou con Saúde e cante o merlo a convocatoria, unha panxoliña de ritmos alegres que evoca as emocións e os valores familiares propios destas datas. Foron 24 os temas presentados e chegados de toda Galicia, e deles poderanse escoitar as cinco cancións finalistas a través das redes sociais da CRTVG.

Ademais dos 1.000 euros da dotación económica do premio, as máis de 300 persoas que participaron na realización da canción, entre cativada de infantil e primaria, profesorado, pais e nais e os músicos da Banda Unión Musical de Meaño, poderán escoitar o tema gañador na programación da TVG e a Radio Galega, así como nos soportes dixitais e polas redes sociais da CRTVG durante todo o Nadal. A maiores, a Televisión de Galicia empregará o tema ‘Saúde e cante o merlo’ como sintonía durante as festas.

O xurado estivo integrado polo director de Contidos da TVG, Fernando R. Ojea; a subdirectora de Programación e Emisións da CRTVG, Rosa Sierra; a xefa de Programas da Radio Galega, Tania F. Lombao; a xefa de Extensión Audiovisual da CRTVG, Alba Mancebo; o coordinador creativo da CRTVG, Daniel Portela; a redactora da área de Contidos María Rial, e o presentador e humorista Paco Lodeiro. Na súa valoración, salientaron o rifada que estivo a selección, a variedade de estilos e o nivel das propostas presentadas.

Esta é a quinta edición do concurso musical, que anteriormente gañaron Iván Vale, coa canción ‘O meu Nadal perfecto’; Plan Siberia, con ‘Xunto a ti’, os alumnos e profesores do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, con ‘Cando é Nadal’ e, finalmente, Susana Martínez, co tema ‘O Sinal’.

Fuente Crtvg.es