A consolidación do 100% do cadro de persoal e o lanzamento da OTT, liñas mestras dos orzamentos da CRTVG

0
22

Santiago, 02.11.2023.- O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento da Corporación correspondente a 2024, por importe de 131 millóns de euros. En comparanza co exercicio actual, esta previsión reflicte un incremento de 4,5 millóns de euros respecto do ano 2023, que está vinculado ao incremento salarial do sector público previsto na lei, á consolidación do emprego, así como ao investimento en innovación, nomeadamente na nova plataforma dixital de distribución de contidos.

Na súa intervención, Sánchez Izquierdo sinalou que a CRTVG pechou as contas dos pasados 14 exercicios en superávit, o que permitiu sanear a débeda herdada en 2009 de 51 millóns de euros e cunha temporalidade no emprego do 40%. 14 anos despois a CRTVG liquidou a débeda bancaria na súa totalidade, e reduciu o resto de débeda en preto do 80%. En canto á estabilidade do empregro, pasou dun 40% de temporalidade a un proceso de consolidación en marcha do 100% do cadro de persoal.

O director xeral explicou que estes orzamentos de cara a 2024 reflicten unha estrutura coherente de recursos que permitirán “atender os compromisos de gasto asociados á misión de servizo público que ten encomendada a Corporación”. O orzamento da Corporación sostense principalmente coas achegas da comunidade autónoma -123 millóns de euros- e con ingresos publicitarios, que para 2024 se prevén en 7,3 millóns, incrementando os algarismos deste exercicio.

Compromiso coa estabilidade no emprego

A Corporación afronta de cara ao 2024 a finalización do proceso de consolidación de emprego que suporá a estabilización do 100% do cadro de persoal.

A dotación orzamentaria no que respecta aos traballadores ascende a 57,4 millóns de euros, 1,3 millóns máis que no exercicio anterior, recollendo deste xeito o incremento salarial previsto no eido público (+2,5% de suba salarial e -0,2% pola finalización o 31.03.2023 do programa da 1ª Experiencia na Administración Pública).

OTT, a nova plataforma, e máis investimento no audiovisual galego

O incremento orzamental de cara a 2024 responde así mesmo á inminente estrea da nova plataforma dixital OTT coa que a CRTVG disporá, no 2024, dunha oferta de contidos en liña ao xeito das actuais plataformas dixitais internacionais. Deste xeito, en clave de xestión, o orzamento 2024 contempla unha dotación para a adquisición de contidos destinados a nutrir a oferta asociada ao lanzamento desta plataforma, un incremento de orzamento que en boa medida redundará na industria audiovisual galega.

Ademais, este proxecto require de investimentos en modernización tecnolóxica previstas por 1.305.000 euros, que se investirán na renovación do sistema de produción dixital da TVG, así como no novo sistema de produción para a Radio Galega, o que redundará nas capacidades competitivas das canles públicas.

Fidelidade da audiencia

A audiencia da TVG segue a medrar acadando marcas históricas. Televisión de Galicia leva 13 meses pechando datos de audiencia por riba dos dous díxitos. E neste mes que acaba de rematar, acadou os mellores datos nun outubro desde hai dez anos, cunha cota do 10,8% no conxunto da xornada e do 10,9% no prime time, segundo reflicten os datos no medidor Kantar Media.     

Os servizos informativos foron referentes un mes máis, destacando a franxa do mediodía, entre as 13:30 e as 15:30 h, coa emisión do informativo de proximidade ‘Galicia noticias’ e o ‘Telexornal mediodía’, cunha cota nesta franxa do 18,3% e a 1,3 puntos da seguinte canle (Antena 3, cunha cota do 17%).

Fuente Crtvg.es