A CRTVG contrata a adaptación a televisión dunha obra de teatro, no marco das axudas ao sector creativo e audiovisual

0
1

Santiago de Compostela, 07.05.2020.- A CRTVG abriu o prazo para a selección dunha produción audiovisual dunha obra de teatro preexistente, en lingua galega, que se poida adaptar a televisión. Esta nova medida de apoio ao sector audiovisual e creativo galego, dirixida neste caso a compañías e produtoras teatrais, enmárcase no plan de accións da Corporación para contrarrestar os efectos da COVID-19 e que foron anunciadas en abril.

Nestas semanas xa foron activadas iniciativas concretas para a adquisición de documentais, a contratación doutro específico sobre a crise sanitaria ou o acordo da participación da CRTVG en sete novos proxectos cinematográficos.

O prazo de recepción de propostas para este proxecto de adaptación de obra teatral estará aberto ata o vindeiro 21 de maio. Entre outros requisitos, a obra tivo que ser xa representada en espazos escénicos entre xaneiro de 2019 e o 13 de marzo de 2020 e debe ser apta, polo seu xénero e temática, para un público xeralista.

A adaptación teatral ten que ser gravada sobre o escenario e sen público. Toda a documentación e requisitos son públicos e accesibles no Portal de Transparencia da web www.crtvg.gal, dentro da sección de Proxectos Audiovisuais.

Fuente Crtvg.es