A CRTVG desenvolverá accións en Twitch para achegarse aos consumidores máis novos

0
12

Santiago, 30.03.2021.- A CRTVG desenvolverá accións na plataforma de vídeo en directo Twitch a partires de maio, no marco do seu posicionamento dixital especialmente dirixido á audiencia máis nova. Así foi anunciado este martes por Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Corporación, na súa comparecencia mensual na Comisión de Control no Parlamento de Galicia.

Sánchez Izquierdo sinalou que a primeira iniciativa da Corporación, en coordinación coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, será enviar á plataforma unha petición formal para que inclúa o galego na súa estrutura, “xa que contempla o catalán, pero non o galego”. “É unha das plataformas do mundo máis usada hoxe en día entre xente máis nova, parécenos que esta é unha forma efectiva e realista de promover a defensa da nosa lingua na contorna actual”, puntualizou.

Twitch consolidouse no 2020 como a comunidade global para os afeccionados aos videoxogos, e a CRTVG xa interactuou nela emitindo contidos de torneos deportivos durante o confinamento. Unha das primeiras accións da nova estratexia terá relación co Día das Letras Galegas, segundo avanzou o director xeral dos medios públicos, promovendo actividades de éxito para achegar a lingua e contidos de interese para os máis novos, como #DígochoEu, proxecto arredor da lingua que arrasa nas redes sociais, moi solicitado e apoiado pola comunidade educativa e gañador este mes do Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) na categoría de Mellor Comunicación e Impacto.   

Sánchez Izquierdo tamén respondeu na Comisión de Control do Parlamento a unha pregunta sobre a emisión programación de contidos arredor do patrimonio, sinalando as recentes emisións de espazos como ‘Os castros’, ‘Desertores do asfalto’, ‘Descubrindo a catedral’ ou ‘Sen fronteiras’, e que “boa parte destes programas foron emitidos pola primeira canle da TVG e en prime time. Non creo que haxa en ningunha canle de España outro exemplo que compita polo prime time de forma recorrente con programas culturais dedicados ao patrimonio”. De cara ao futuro, adiantou que están en marcha novas temporadas de programas que tiveron moi boa acollida e datos de audiencia, como ‘Desmontando Galicia’ ou ‘Un país en 360’.

Fuente Crtvg.es