A CRTVG e Unicef únense á Semana coa Infancia para mellorar a saúde, a educación e a protección de nenas e nenos con contidos especiais ata o 24 de novembro

0
3

Santiago, 17.11.2019.-  A CRTVG e UNICEF poñen hoxe en marcha a Semana coa Infancia,  iniciativa solidaria que terá lugar ata o 24 de novembro con contidos especiais na televisión e na radio públicas para sensibilizar sobre os nenos e nenas que morren por causas evitables, non van á escola ou non están protexidos ante a explotación, a violencia ou o abuso. Os medios públicos galegos enmarcan este apoio na súa responsabilidade social corporativa, que, como no caso das #AcciónsG desenvolvidas ao longo do ano, ten como obxectivo lograr unha sociedade mellor e máis responsable. Nesta campaña, a CRTVG e UNICEF alíanse para acadar os seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU: ODS 2, Fame Cero; ODS 3, Saúde e Benestar; ODS 4, Educación de Calidade; ODS 5, Igualdade de Xénero; ODS 6, Auga limpa e saneamento; ODS 10, Redución das desigualdades e; ODS 16, Paz, Xustiza e Institucións sólidas.
    
Os programas da TVG ‘Bos días’, ‘A revista’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’, colaborarán emitindo entrevistas e reportaxes con contidos relacionados cos nenos que se ven obrigados a fuxir a causa da violencia ou os millóns de nenos que traballan cada día nas condicións máis extremas, pero tamén de todas as propostas aprobadas por todos os grupos no Parlamento de Galicia para mellorar a vida das nenas e nenos en Galicia. O espazo da tarde ‘Fun polo aire’ cubrirá o acto conmemorativo do 20-N, Día Universal do Neno, que se celebra no Concello de Ponteareas e no ‘Vin polo vento’ un neno e unha nena de Moeche e Cabanas trasladarán as propostas que elaboraron no Manifesto de Castrelo para mellorar a situación de pobreza na súa contorna ou avanzar nas opcións de participación infantil na comunidade. Na fin de semana, ‘A revista FDS’ amosará a división de subministracións de UNICEF en Copenhague e como a organización fai chegar alimentos, vacinas ou material escolar aos nenos de todo o mundo. Outro ano máis, o ‘Luar’ e o ‘Aquí Galicia’ comprometeranse na iniciativa e así o amosarán nos programas especiais do venres e o sábado respectivamente. Presentadores da Televisión de Galicia, como Lucía Regueiro, Amiga de UNICEF Comité Galicia; Monti Castiñeiras, Ledicia Sola ou Víctor Fábregas implícanse tamén nesta Semana coa Infancia da CRTVG e UNICEF.  

Tamén a Radio Galega súmase á campaña. O ‘Galicia por diante’, ‘A tarde’, ‘A crónica’ ou ‘Galicia por diante fin de semana’ contarán con contidos especiais e entrevistas nas que os protagonistas son os nenos e nenas de Galicia centradas en temas de actualidade como o cambio climático. Pola súa parte, o equipo de ‘Galicia en goles’ tratará temáticas como a promoción do deporte e os hábitos saudables para loitar contra a obesidade e o exceso de peso, como se promove o deporte dende os centros escolares ou como grazas a grandes aliados do mundo do fútbol facilitamos o acceso ao deporte a nenas e nenos no Brasil ou en Ghana. Na emisora pública, actuarán como “mensaxeiros” da campaña os presentadores, Xoán Galán, Antón Rebollido e Clara de Saa, entre outros. A estas accións súmase tamén a colaboración do portal web e as redes sociais da CRTVG, que apoiarán a campaña e recolleran as noticias nunha canle temática en www.crtvg.gal.

A audiencia galega poderá tamén colaborar enviando SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2€, UNICEF poderá, por exemplo, subministrar alimento terapéutico a un neno con desnutrición aguda durante un día. A audiencia tamén poderá colaborar chamando ao 900 907 133 ou na páxina portodosmiscompañeros.es.

IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 1,2€ ÍNTEGROS PARA UNICEF. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Euskaltel e Yoigo. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 902228028, sms unicef.es. Info. legal e protección datos: www.unicef.es

Fuente Crtvg.es