As propostas musicais de éxito de Daniel Minimalia, Rosa Cedrón, Chenoa e Fetén Fetén, esta noite en ‘Luar’

0
14

Santiago, 09.04.2021.-  ‘Luar’ (21.55 h) trae un venres máis un variado elenco de artistas de altura, hoxe liderado polos galegos Daniel Minimalia e Rosa Cedrón, pola tamén cantante Chenoa e polos coñecidos participantes de ‘O mellor DECADA casa’. O concurso telefónico parte esta noite cun bote de 5.500 euros.

O músico autodidacta Daniel Minimalia, cuxa música é protagonista esta primavera das cortinas de continuidade da TVG, interpretará a dúo con Rosa Cedrón ‘Olas del sur’, tema co que gañou en 2015 o seu primeiro Hollywood Music In Media Awards na categoría de mellor canción. O guitarrista e compositor ourensán, galardoado hai uns meses co Grammy Latino ao mellor disco instrumental co seu álbum ‘Terra’, acode a ‘Luar’ afianzado como un dos referentes musicais do país e tras gañar o seu segundo Hollywood Music In Media.

Chenoa regresa a ‘Luar’ cando fai vinte anos de traxectoria musical desde que saltara á fama en 2001, ao seu paso pola primeira edición de Operación Triunfo. Unha carreira en que a recoñecida cantante leva un millón de discos vendidos e se converteu nunha das voces máis populares de España e América Latina. A artista ofrecerá esta noite algúns dos seus éxitos máis recentes.

O grupo burgalés Fetén Fetén, formado por Jorge Arribas ao acordeón e Diego Galaz ao violín, sorprenderá tamén a audiencia da Galega co seu dominio instrumental e os seus ritmos.

Continúa esta edición a música galega coas propostas folk de Charamuscas, agrupación musical integrada na súa maioría por traballadores da Once. O grupo compostelán amosará o tema ‘A feira’, que recolle no seu primeiro álbum ‘Brincan no corazón’. A orquestra Mistura Son, banda cuxas artistas irmandan a música galega e a cubana, traerá o mellor dos seus sons. E completan as propostas de hoxe, os integrantes da agrupación A Rexionalista.

O concurso ‘O mellor DECADA casa’ porá en competición os actores Manuel Manquiña e María Mera, que cantarán o éxito dos anos 60 ‘A miña gran noite’ e ‘A maionesa’, da década dos 00, respectivamente. Os artistas Sergio Pazos, Luís Iglesia, Teté Delgado, Lucía Veiga, Isabel Blanco e o exdeportista Fernando Romay forman parte tamén do elenco de altura de participantes neste certame solidario.

Por outra parte, Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez Padín darán paso a unha nova edición do certame de novos talentos ‘Recantos’, en que competirán Belehm, en representación de Lugo Sur, e Jioa, de Terras de Lugo. E, por último, Paco e Pepe achegarán unha semana máis unha boa dose do seu mellor humor.

Fuente Crtvg.es