A CRTVG emitirá 50 concertos de músicos galegos no ciclo ‘Galicia Emerxe’, en colaboración con Agadic

0
11

Santiago, 11.01.2021.-   A CRTVG ofrecerá ao longo deste ano, a través das súas canles de televisión, radio e Internet, 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos. No exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo, a Corporación asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’.

Mercedes Peón, Xoel López, Boyanka Kostova, A Banda da Loba, Sés, Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas son algúns do medio cento de artistas que participan en ‘Galicia Emerxe’, unha serie de recitais de 40 minutos de duración que comezará a emitirse o vindeiro 13 de xaneiro nas ‘Noites Temáticas’ da G2. Os espectadores tamén terán a oportunidade de ver estes concertos na primeira canle, os sábados arredor das 10.40 h. Unha vez rematada esta emisión, cada recital estará dispoñible na web da CRTVG e tamén poderá escoitarse en Radio Galega Música a partir das 22.00 h dos sábados. O primeiro concerto desta semana será o de Mercedes Peón.

Esta iniciativa, que ten como obxectivo facer accesible a cultura a toda a cidadanía galega, cobra especial relevancia nas actuais circunstancias derivadas da Covid-19, que limitan de xeito importante o normal desenvolvemento das actividades musicais con público en directo, e pretende ser un xeito alternativo de manter viva e en constante renovación a oferta musical.

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura converteuse nun estudio de televisión para acoller os 50 concertos ao vivo desta iniciativa, a través da que se mobilizaron 41 axencias de contratación galegas, 21 empresas de servizos musicais e 33 técnicos de son dos propios grupos. Implicáronse áreas como produción, son, iluminación, realización e edición de vídeo, deseño gráfico e visual, construción efémera, escenarios e estruturas, hospitalidade, backline, comunicación e, especialmente, seguridade e prevención de riscos laborais para garantir tamén un estrito protocolo hixiénico-sanitario dos equipos artísticos e técnicos.

Fuente Crtvg.es