A CRTVG emitirá os actos do Día de Galicia e unha programación especial desde Compostela esta fin de semana

0
14

Santiago, 21.07.2022.-    Os medios públicos galegos celebran a semana grande de Galicia coa retransmisión dos actos máis destacados dos días 24 e 25 de xullo, estreas documentais e cinematográficas, unha gran festa no Obradoiro na noite dos Fogos do Apóstolo e a ‘Gala do 25 de Xullo’ para festexar o Día de Galicia.

Xa o día 23, a Televisión de Galicia ofrecerá unha edición especial do programa ‘Sabadeando’ dedicada a Santiago de Compostela. Durante máis de tres horas en directo desde a praza do Obradoiro, os espectadores embarcaranse nun periplo que, con motivo do Ano Xacobeo, achegará o testemuño de ducias de peregrinos e peregrinas que chegan con ilusión á capital de Galicia nos días previos ao 25 de xullo. Ademais, dará conta da troula que rodea as Festas do Apóstolo, entrevistará personaxes famosos da cidade e visitará os seus lugares máis emblemáticos.

A programación especial comezará o domingo 24 coa retransmisión dos servizos informativos, a través da TVG, a RG e G24.gal, do acto de entrega das Medallas de Galicia (13.00 h), coas que a Xunta de Galicia distingue este ano persoas e entidades vinculadas á promoción e preservación do Camiño de Santiago.

Un dos espazos máis agardados é a tradicional retransmisión dos Fogos do Apóstolo na noite do domingo 24 (22.00 h), que tamén se poderá seguir pola Radio Galega. Este especial achegaralles aos espectadores toda a maxia e a emoción do evento desde Compostela. Conducida desde a praza do Obradoiro por Alba Mancebo, Noelia Rey e Arturo Fernández, esta festa contará coa participación do público e con moita música.

O 25 de xullo, Día de Galicia, comezará coa retransmisión da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, coa Parada Militar arredor das 12.00 h seguida da Misa solemne na catedral. Estes actos contarán coa asistencia dos reis don Filipe VI e dona Letizia, e serán narrados polo xornalista Eduardo Herrero, cos comentarios de Fernando Madriñán.

Os espazos informativos centraranse o domingo e o luns nestas celebracións, cos resumos dos actos institucionais. Ademais, o xornalista Marcos Sueiro copresentará o ‘Telexornal Serán’ do día 25 desde a cidade de Santiago e os programas da Radio Galega ‘Galicia por Diante’ e ‘A Tarde’ realizaranse en directo desde O Obradoiro.

Pola noite chegará a tradicional ‘Gala do 25 de xullo’, en que este ano Xosé Ramón Gayoso estará acompañado pola xornalista Esther Estévez, presentadora do espazo #DígochoEu. O programa terá como lema ‘Non hai fronteiras’, unha mensaxe de tolerancia e de paz entendida como respecto á diversidade, e contará coas actuacións de Tanxugueiras, Marta Sánchez, Heredeiros da Crus, Sabela Ramil, Budiño, Ortiga, Pili Pampín e SonDeSeu, entre outros.

Estrea do documental ‘A Galicia do prerrománico’, homenaxe a Treixadura e ‘Ons’

O magazine ‘Quen Anda Aí? Verán’ non descansará o 25 de xullo e estará moi pendente de todo o que aconteza nas rúas de Santiago. A continuación, arredor das 19.15 h, estrearase ‘A Galicia do prerrománico’, documental de produción propia que percorre a historia de Galicia durante os cinco séculos que seguiron á caída do Imperio Romano, e que teñen como feito crucial que nese período (séculos V-X) foi cando se descubriu a tumba do Apóstolo en Santiago, desembocando no comezo da construción da catedral de Santiago.

A programación especial estenderase tamén máis alá do 25 de xullo e incluirá, o día 29, a ‘Treixarromaría’, un especial presentado por Arturo Fernández e o músico Roi Casal, que homenaxeará o grupo Treixadura no 30º aniversario da súa primeira actuación.

Finalmente, o 1 de agosto ofrecerase a estrea en televisión de ‘Ons’, a película de Alfonso Zarauza. Un drama con toques de misterio rodado neste enclave singular do Parque Natural das Illas Atlánticas, e gañador do Premio Mestre Mateo 2021 á mellor película.

Fuente Crtvg.es