A CRTVG estrea o tráiler de ‘ONS’, a nova película de Alfonso Zarauza en que participa a TVG

0
18

Santiago, 02.12.2020.-  As redes sociais da CRTVG estrean este mércores á tarde o tráiler en versión orixinal de ‘ONS’, a nova película de Alfonso Zarauza, un drama con toques de misterio, rodado neste enclave singular do Parque Natural das Illas Atlánticas. Participada pola Televisión de Galicia, nesta película de autor destacan os papeis protagonistas de Melania Cruz e Antonio Durán Morris, un matrimonio en crise, cuxa vida se altera tras a aparición dunha misteriosa muller que naufraga na mesma illa. O tráiler lánzase ás 18.00 horas, nos perfís da Televisión de Galicia en Twitter, Instagram e Facebook.

Zarauza, director de películas como ‘Os fenómenos’, ‘Encallados’ e ‘A noite que deixou de chover’, presenta nesta ocasión a historia de Vicente, quen, afectado pola fonda depresión que sofre pola morte da súa amante, chega canda á súa esposa, Mariña, a unha remota illa atlántica coa intención de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio. A vida nesta illa faille ben a Vicente ata que, tras un naufraxio no medio dun temporal, irrompe nas súas vidas unha misteriosa e amnésica muller estranxeira.

Ademais da participación de Morris e Melania Cruz, a longametraxe reúne no elenco a Xulio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Cris Iglesias, e Montse Martínez. ‘ONS’, cuxa chegada ás salas de cinema será o próximo 18 de decembro, está producida por Maruxiña Film Company e Bando à Parte, participada pola TVG e a RTP, e conta coa subvención de Agadic e a colaboración da Deputación de Pontevedra.  

Fuente Crtvg.es