RadioGalegaPodcast.gal, a nova experiencia dixital da canle pública

0
19

Santiago de Compostela, 20.10.2021.- Os medios públicos galegos suman desde esta semana unha nova experiencia dixital á súa oferta coa creación de RadioGalegaPodcast.gal, plataforma de deseño mobile first coa que a radio pública se adapta aos novos modelos de consumo da audiencia, para gozar dos audios específicos a calquera hora e contar coa experiencia de compartilos e valoralos na comunidade virtual de cada usuario.

Tania Fernández Lombao, a xefa de xestión Operativa de Programas da Radio Galega, salienta que esta “é a aposta da Radio Galega por unha plataforma de podcast, pensando no concepto do ‘audio’ como un paso máis alá do percorrido radiofónico da historia do medio público. Queremos situarnos nos novos espazos en que se atopa a audiencia, con contidos especializados e moi enfocados a públicos concretos”.

Os contidos principais do arranque de RadioGalegaPodcast.com categorízanse baixo os títulos de ‘Música’ (con Cara B, Galicia Emerxe e Consellería do Ritmo, entre os destacados); ‘Sociedade’ (O Poigrama); ‘Saúde’ (Enfermeira Saturada e Corazón Contento), ‘Historia’ e ‘Cultura’ (O Barroquista, Galicia para neofalantes) e ‘Igualdade’ (Consellos con sexo).  A plataforma acollerá tamén numerosos programas nativos dixitais, é dicir, podcast feitos por e para o medio dixital, á marxe dos patróns horarios propios da radio e coa vontade de alcanzar públicos niño con diferentes gustos. Estes programas iranse lanzando nas vindeiras datas e entre eles estarán: ‘Superando a ficción’, ‘Morra o conto’, ‘Moito ollo!’ e ‘A fin do mundo’.

A  estratexia de dixitalización que está a seguir a CRTVG supón a posta en marcha de novas plataformas como esta que se suma ás creadas noutros eidos da Corporación: a futura OTT como contedor de entretemento da Galega e que será unha realidade no primeiro semestre de 2022; o novo portal de G24 que reúne toda a oferta informativa nas canles dixitais; ou a plataforma PETISGO, que dará cobertura no eido educativo aos rapaces de entre 6 e 16 anos a través dos seus dispositivos móbiles, e que a Corporación desenvolve en colaboración con AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A isto hai que sumar a xestión global de toda a comunidade coa que se dialoga nas redes sociais.   

José Pereira, director de Innovación e Negocio da Corporación, sinala que isto responde ao obxectivo de converter a CRTVG en “motor de innovación despois de completar a dixitalización dos sistemas de produción nos últimos anos, e cun obxectivo en varias liñas: alcanzar e fidelizar ás novas audiencias, coñecer as necesidades comunicativas e de entretemento do espectador medio e seguir sendo relevantes para Galicia tanto na comunicación, coma na tecnoloxía e na formación”.

Fuente Crtvg.es