A CRTVG lanza a campaña ‘Este Nadal Merca Local’ para apoiar o pequeno comercio galego

0
4

Santiago, 13.11.2020.-    #EsteNadalMercaLocal é a mensaxe que lanzan os medios públicos galegos nunha campaña que arranca esta fin de semana e que se estenderá durante novembro e decembro para animar na véspera do Nadal o consumo en tendas e marcas galegas, nunha época na que as compras e agasallos se reactivan polas festas. A campaña pode verse desde este venres na Televisión de Galicia e as súas redes sociais, así como escoitarse na Radio Galega.

Desde o inicio da pandemia, e baixo o paraugas da iniciativa #Coidémonos, a Televisión de Galicia e a Radio Galega puxeron en marcha accións para recoñecer e axudar os pequenos establecementos. Entre elas, o spot #Apoiémonos / #Apoiémolos, emitido en xuño para darlle a benvida ao pequeno comercio despois do confinamento. Os principais espazos e magazines da canle están transmitíndolle á sociedade a especial importancia nestes momentos de coidar os pequenos establecementos, con concursos, entrevistas e moita cobertura en directo sobre o terreo, visitando establecementos das catro provincias para achegar a realidade dos autónomos e pequenos empresarios e axudar ás vendas.

A campaña fai unha chamada en redes sociais para que cada persoa recomende a todo o mundo os seus lugares de compra local favoritos, tendas de agasallos pero tamén establecementos de restauración, de reparación…. Todo o que sexa comercio e servizos locais teñen cabida nesta iniciativa #EsteNadalMercaLocal.

Ademais das accións nos espazos ‘A Revista’, ‘Quen Anda Aí?’ ou ‘Fun polo Aire’, a TVG emite dentro do espazo ‘Que nos pille rebolando!’ a sección ‘Gran Ganga’, cun premio en metálico para gastar nun comercio local; o programa ‘Vivir Aquí’ inclúe pezas sobre pequenos establecementos comerciais; e os dous magazines principais da Radio Galega, ‘Galicia por Diante’ e ‘A Tarde’, fan case a diario seguimento da recuperación do comercio local, a través de reportaxes e entrevistas. Tamén o ‘Pensando en Ti’, o programa das noites da emisora, contacta cos negocios abertos de madrugada e emite relatos e testemuños en directo dos seus propietarios e traballadores.

Fuente Crtvg.es