A CRTVG, no debate sobre os medios de comunicación, a igualdade de xénero e a intelixencia artificial

0
20

Santiago, 28.11.2023.-    A adxunta á dirección xeral da CRTVG, Rosa Vilas, interviu este martes no V Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Baixo o título ‘Intelixencia artificial: unha ferramenta para a igualdade?’, esta edición reuniu destacados expertos en comunicación, desenvolvemento de ferramentas de intelixencia artificial e igualdade.

Rosa Vilas participou no panel-coloquio ‘Os medios de comunicación e a súa influencia no desenvolvemento dunha IA sen nesgos de xénero’, que tamén contou coa participación do responsable de Ciencia de La Voz de Galicia, Raúl Romar, e de Carolina González, redactora da publicación Computer Hoy.

O foro contou coa intervención de relatoras expertas e especializadas en intelixencia artificial, como a presidenta e fundadora do Observatorio del Impacto Social y Ético de la Inteligencia Artificial OdiseIA, Idoia Salazar; a investigadora principal de ARES, da Universidade de Deusto, Miren Gutiérrez; a correspondente de Xénero da Axencia EFE e gañadora do V Premio de Periodismo contra la Violencia de Género da Fundación Aliados por la Integración, Violeta Molina, e a redactora de Tecnoloxía do xornal ‘20 Minutos’ Raquel Holgado.

Canda elas tamén estiveron presentes Gabriela Bouret e Natalia Louzau, xefa de Análise de Datos e xornalista de ‘La Nación Data’ do xornal arxentino ‘La Nación’, primeiro que anunciou a creación de dúas ferramentas dixitais para tratar de promover a igualdade de xénero e dar cobertura a temas sensibles como o acoso, o suicidio, o bullying ou a diversidade.

O Congreso serviu tamén para coñecer as accións desenvolvidas pola Administración autonómica para intentar mitigar a desigualdade, o acoso e a violencia de xénero a través das novas tecnoloxías, da man da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez.

Fuente Crtvg.es