A CRTVG ofrece o sorteo da lotaría de Nadal, con máis de cinco horas de información e nove puntos de directo

0
18

Santiago, 21.12.2023.-  Os medios públicos galegos despregan este venres un amplo dispositivo técnico e humano para achegarlles aos espectadores unha das xornadas máis ilusionantes do ano, a da sorte, que marca o inicio das festas de Nadal. Conducido por Sevi Martínez, e Almudena R. de Urzáiz, o especial ‘Sorteo Lotaría de Nadal 2023’ da TVG comezará ás 8:30 h e estenderase, en función dos premios que caian en Galicia, ata os informativos centrais da faixa do mediodía, con máis de cinco horas en directo. 

Desde o estudio 150 de San Marcos, a Televisión de Galicia seguirá toda a actualidade da mañá, con nove puntos de directo. Desde primeira hora, conectará co Teatro Real de Madrid, onde Iria Soengas e Sabela Romar narrarán o máis destacado da xornada. Ademais, o programa establecerá conexións coa Coruña, Santiago, Ourense, O Porriño, Lugo, A Illa de Arousa, Ferrol e A Fonsagrada, o que lle permitirá á canle pública achegarse rapidamente ás localidades premiadas.

O programa especial contará coa presenza no estudio de Moncho Lemos, que comentará todos os datos, as anécdotas e as curiosidades da xornada. Tamén se establecerán conexións en directo coa redacción de informativos, para recoller a última hora deste 22 de decembro.

A Radio Galega e a web da CRTVG levarán a cabo tamén unha cobertura especial do sorteo de Nadal durante toda a mañá. O ‘Especial lotaría’ da RG estenderase das  08:55 h ás 14:00 h. Conducido por Kiko Novoa e Cristina García, contará coa participación especial do humorista Marcos Pereiro e unha importante despregadura de reporteiros polo territorio galego para recoller os testemuños de posibles gañadores nas localidades agraciadas e contar o máis destacado da xornada. 

Xunto coa información dos premios, durante o ‘Especial lotaría’ a emisora pública sorteará 20 entradas para o espectáculo do Circo do Sol e tamén estancias para as cabanas Limbo de Malpica. 

Pola súa banda, os usuarios de Internet poderán consultar a información da xornada a través de crtvg.gal e tamén comprobar se os seus décimos foron premiados.

Fuente Crtvg.es