Santiago, 27.01.2022.- A CRTVG acordou a súa participación en seis novos proxectos cinematográficos, catro longametraxes e dúas películas documentais, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual de Galicia. Dúas das longametraxes son coproducións internacionais de clara vocación comercial: unha con Francia, ‘Tratamos demasiado ben as mulleres’, e outra con Portugal, ‘Xustiza artificial’. Outros dous proxectos cinematográficos son títulos con selo de cinema de autor: ‘Así chegou a noite’, a terceira película dirixida por Ángel Santos, e ‘As liñas descontinuas’, que será a segunda longametraxe de Anxos Fazáns.
Ademais, a selección de longametraxes documentais contempla ‘Nunca te rendas’, un proxecto de marcado carácter feminino apoiado pola Secretaría Xeral do Deporte e que analiza a maternidade no deporte e quere mostrar as consecuencias da desigualdade a través de mulleres que para ser nais moitas veces tiveron que renunciar ás súas carreiras deportivas; e unha coprodución entre Galicia e Andalucía, ‘A dereita e esquerda’ sobre os escritores Rafael Alberti e Camilo José Cela.
Favorecer o sostemento do sector audiovisual galego e apoiar a creación neste eido son algúns dos criterios deste proceso de selección que leva a cabo a Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da Corporación. Ao longo do ano, en posteriores Comisións completarase a selección de títulos que configurarán o investimento total do 6 % no ano 2023.
‘Tratamos demasiado ben as mulleres’
Coprodución internacional de Ficción Producciones, S.L. con Francia e co apoio de RTVE e Amazon Prime Video. Orixinal e provocadora proposta cinematográfica que será a opera prima de Clara Bilbao e contén unha miscelánea de xéneros entrelazados: a comedia, o absurdo, o costumismo e unha gran dose de acción e modernidade. A obra bebe de moitas fontes (Berlanga, Buñuel ou mesmo Tarantino) e sorprende ao presentar unha muller de armas tomar como a verdadeira malvada da historia. O guión relata o encontro inesperado entre un grupo delirante de maquis na súa fuxida cara a adiante e Reme, unha muller de crueldade infinita. No elenco galego destacan actores de recoñecido prestixio como Luís Tosar, Antonio de la Torre, Diego Anido, Nancho Novo ou Cris Iglesias, que completan un elenco coral encabezado pola popular actriz Carmen Machi.
‘Xustiza artificial’
Thriller político moderno que segue o ronsel do cine negro de gran profundidade psicolóxica e que presenta un tema ético: a xustiza humana fronte á xustiza robótica. Proposta do novo realizador Simón Casal, nunha sólida coprodución con Portugal participada por Abano Producións e Tornasol, xunto coa portuguesa Ukbar Films. O Goberno español anuncia un referendo para aprobar un sistema de intelixencia artificial xudicial que se implementará en todos os tribunais españois. Na práctica, o sistema substituirá a todos os xuíces e xuízas do país. A morte de Alicia Kovack, a creadora do sistema, desata todas as alarmas. A película, de claro potencial comercial, conta xa co apoio de AGADIC, RTVE e Amazon Prime Video en España e Portugal, ademais de firmes acordos de distribución con Latido, A Contracorriente e Mar Filmes. A película con rodaxe na cidade da Coruña e na Costa da Morte e no reparto artístico destacan talentos como Verónica Echegui, Alberto Ammann, Tamar Novas, Lucía Móniz ou Alba Galocha.
‘Así chegou a noite’
Novo filme de Ángel Santos, un claro expoñente do Novo Cinema Galego que unha vez máis nos fará chegar unha historia cun forte valor creativo e mirada propia. Ante todo, será un filme sobre a fraxilidade humana cun forte fondo filosófico. O filme aposta polo encontro cinematográfico entre personaxes —un home, unha muller— e a particular paisaxe marismeira dos espazos naturais na zona protexida de Umia-O Grove. Drama que trata sobre un escultor que establece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega. Da man de Miramemira, S.L. e co impulso de Maruxiña Film Company, S.L. e Alfonso Zarauza, o proxecto participou en diversos foros (Festival Márgenes MRG/ WRK, Abycine Lanza e o MECAS do Festival de Las Palmas) e acadou diferentes apoios á escritura, desenvolvemento e produción por parte da AGADIC. A película prevé un plan de financiamento sólido que permita acometer con garantías o orzamento presentado.
‘As liñas descontinuas’
Anxos Fazáns dirixirá esta película de carácter intimista despois da súa opera prima, A estación violenta, que tivo un recorrido destacable por festivais internacionais. Trátase dun drama con matices de realismo poético que narra o encontro emocional e físico entre dous personaxes: Bea, unha muller de 50 anos que está atravesando un divorcio, e Denís, un rapaz trans de 25. Coñécense cando el entra a roubar na casa dela e, a pesar do improbable da circunstancia, xorde entre eles unha forte complicidade e atracción. O proxecto participou na Incubadora de The screen da ECAM no 2021 e no workshop Sources 2 Development no 2020, e constrúese arredor da coprodución de Sétima Sociedade Cooperativa Galega coa produtora Elamedia, S.L.U., e a maiores conta co apoio de AGADIC.
‘Nunca te rendas’ / Documental
Longametraxe documental dirixida por Marta Eiriz que quere visibilizar as dificultades e os obstáculos a que se enfrontan acotío as deportistas de elite que queren ser nais. O proxecto analiza a maternidade no deporte e quere contribuír á transformación social a través dos valores do propio deporte. A película quere mostrar as consecuencias da desigualdade a través de mulleres que para ser nais moitas veces tiveron que renunciar ás súas carreiras deportivas, agardar a finalizar a carreira deportiva ou seguen buscando o momento axeitado. Por medio de testemuñas expóñense exemplos de superación e vivencias persoais de deportistas como Teresa Portela, Ana Peleteiro, Ona Carbonell, Mariajo Pons, Jennifer Volpe, Blanca Manchón, etc. Da man de expertos legais analízanse que pasos se están dando e cales son as medidas de apoio para camiñar cara a unha transformación a prol da igualdade. Proposta de Danga Danga Audiovisuais co apoio da Secretaría Xeral do Deporte.
‘A dereita e esquerda’ / Documental
Este documental sobre Rafael Alberti e Camilo José Cela baséase na relación epistolar que compartían ambos escritores durante o exilio de Alberti, e pretende establecer paralelismo entre ambos escritores, que conseguiron sobrepoñerse ás diferenzas ideolóxicas polo ben da literatura a través desta correspondencia inédita, que descobre aspectos descoñecidos das súas vidas. O proxecto articúlase sobre a coprodución entre dúas comunidades, Andalucía e Galicia, e os apoios das correspondentes televisións autonómicas: Canal Sur e Televisión de Galicia. Conta ademais cun acordo de distribución con Sildavia Cinema para a distribución da obra en salas e un segundo acordo con Genial Media para a súa distribución televisiva ou en calquera outra forma.
**Ligazón coa resolución da Dirección Xeral da CRTVG.
Fuente Crtvg.es