A Festa do Pan de Cea será protagonista esta noite no programa ‘Vaia Troula’

0
55

Santiago, 05.07.2023.-    O pan de Cea será o protagonista do ‘Vaia Troula’ (22:40 h) deste mércores pola noite. A mestra de cerimonias do programa, Noelia Rey, vivirá a tope a exaltación deste manxar no concello de San Cristovo de Cea, onde poderá probar o que para moitos é o mellor pan do mundo. Ademais, gozará da música tradicional e das charangas. E, como broche de ouro, vai formar parte dunha comida popular con produtos galegos acompañada do saboroso pan de Cea.

A reporteira Noelia Salgado tamén estará en Cea. Alí organizan unha ruta de fornos previa o gran día da festa en que paga moito a pena participar e en que a diversión está asegurada.

Pero, ademais de pasalo en grande nesta festa, as reporteiras do espazo da TVG percorrerán toda Galicia para participar noutras celebracións. Así, Amanda Fernández visitará o concello de Vimianzo. Un ano máis, o famoso Asalto ao Castelo enche de desfiles, música e troula a fartar as rúas desta vila.

Pola súa parte, Adela Bértolo viaxará a Monfero. Nos arredores do mosteiro deste concello ten lugar a romaría da Nosa Señora de Cela, onde a devoción pola Virxe e a festa rachada conviven durante varias xornadas.
    
As cámaras do ‘Vaia Troula’ tamén pasarán pola Festa da Lagosta da Guarda, a Festa de Santa Isabel de Lieiro, en Cervo, e o Día das Peñas do concello de Boiro. Para que non falte de nada, o churrasco e a verbena do San Pedro de Nós, en Oleiros, formarán parte do menú trouleiro deste mércores pola noite. E, coma sempre, todo irá acompañado da música das mellores orquestras do momento.

Fuente Crtvg.es