A G2 estrea grella coa chegada do raposo #Digochiño, a serie ‘Merlí’ en galego e con ‘Retrincos de Galicia’

0
28

Santiago, 03.01.2023.-    A G2 da Televisión de Galicia estrea ano e nova grella coa chegada o sábado 7 de ‘Digochiño’, o espazo dedicado aos máis pequenos do #DígochoEu. Desde esta semana, Esther Estévez e a súa nova mascota, o raposo Digochiño, contaranlles historias aos máis pequenos e darán paso ás series infantís entre as 9.30 e as 12.30 h.

Nesta nova etapa, a G2 manterá o seu concepto de canle temática e seguirá afondando na súa especialización sociocultural, con novos espazos de servizo público, contidos culturais e programas de marcado carácter social. Isto complétase con información de análise e actualidade, deportes, programación infantil e xuvenil, ficción galega e cine e series internacionais de onte e de hoxe.

Polas tardes, de luns a venres (17.45 h), emitirase ‘Retrincos de Galicia’, un contedor de programas sociais e culturais que, con distintas narrativas, comporán un gran documental de Galicia. A primeira grande estrea baixo este paraugas será ‘Grazas á vida’, (10 de xaneiro), en que persoas que xa pasan da idade de xubilación revivirán os momentos e lugares máis importantes das súas vidas. E a mediodía, de 14.00 a 15.00 h, ofrecerase ‘Retrincos do mar’, espazo dedicado a contidos relacionados co mundo mariño, como os programas ‘Náufragos’ ou ‘Ribeiras de Salitre’.

Arredor das 21.00 h, de luns a venres, o novo programa ‘A Porta Aberta’ estará dedicado cada día a un colectivo ou entidade do tecido sociocultural galego. Outra gran novidade e o paso do informativo cultural ‘Zigzag’ ao prime time, desde mediados de xaneiro, con emisión ás 21.30 h.

Estrea da serie ‘Merlí’ en galego

O 14 de xaneiro, a G2 estreará a recoñecida serie de ficción ‘Merlí’, que se ofrecerá todos os sábados ás 14.00 h. Esta produción de TV3 trata sobre un profesor de filosofía do mesmo nome que estimula os seus alumnos a pensar libremente mediante uns métodos pouco ortodoxos, que dividirán as opinións da clase, o profesorado e as familias.

Ademais, nesta grella de 2023 continúan as ‘Noites Temáticas’ dedicadas á lembranza, á descuberta, á música, á cultura e ao cine galego. E, dentro das noites musicais, o 11 de xaneiro estrearase o programa ‘Grandes Cafés’, sobre as cafetarías máis senlleiras de Galicia e as actuacións musicais que nelas teñen lugar.

‘Digochiño’, os sábados nas mañás da G2

Digochiño é un pequeno raposo, azul e branco, as dúas cores da bandeira galega, que vai ter máis protagonismo ao longo deste ano nos capítulos do programa #DígochoEu, o multipremiado proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a toda a cativada. Na G2, cada sábado Esther Estévez e o raposo Digochiño explicarán galego aos máis pequenos da casa e darán paso ás series infantís entre as 9.30 e as 12.30 h.

Con esta renovación da segunda canle tamén se pretende sacar partido do significativo potencial multimedia da Corporación, facendo posible a difusión combinada de contidos para televisión, radio e dixital segundo as capacidades de cada un destes medios e as posibilidades de chegar ao público onde este se atope.

Fuente Crtvg.es