A G2 estrea ‘Memorias rotas’, documental sobre a tortura e execución do Batallón Galicia na Guerra Civil española

0
66

Santiago, 13.04.2021.-  A Galega estrea esta noite na G2 o documental ‘Memorias rotas’ (23.30 h). Seguindo as pegadas que amosa o romance ‘A balada do comandante Moreno’, a través de testemuñas directas e indirectas, o documental conta a historia dunha parte dos membros do Batallón Galicia que, tras defender a sangue e lume os seus ideais de liberdade na fronte de Asturias, terminaron torturados e executados no alto do Acevo por un grupo de falanxistas e gardas civís, un acto que uniría para sempre os habitantes da zona cos seus tráxicos protagonistas.

‘Memorias rotas’, dirixido por Manane Rodríguez, é unha das poucas crónicas audiovisuais existentes referidas á Guerra Civil española en Galicia. O documental tamén deixa constancia de que os crimes do Acevo nunca foron xulgados.

En outubro de 1937, Asturias cae en mans do exército franquista. Cercados, os combatentes republicanos intentan fuxir por mar. Un grupo de loitadores antifascistas galegos, pertencentes ao Batallón Galicia e liderados polo anarquista José Moreno Torres, fracasado o seu intento de fuxida, diríxese a Galicia perdéndose o seu rastro nos montes do Acevo, na fronteira entre Asturias e Galicia. Nin os seus familiares nin os seus compañeiros souberon nunca cal foi o destino do grupo. Con todo, e malia a represión instaurada durante o franquismo, nas localidades próximas ao Acevo comezou a circular un romance popular que daba conta dos últimos momentos deste grupo de homes.

Os nenos e nenas que foron testemuñas daqueles sucesos contan en ‘Memorias rotas’ o doloroso destino que sufriron o comandante Moreno e os seus compañeiros.

Fuente Crtvg.es