‘A miña familia pola túa’ confronta esta semana os modos de vida dunha familia aforradora e outra que goza do día a día co que ten

0
32

Santiago, 28.04.2021.-  Unha familia aforradora e outra que goza día a día co que ten deberán intercambiar as súas vidas ao longo dunha semana na nova entrega do programa ‘A miña familia pola túa’ (22.25 h) que a Televisión de Galicia ofrece esta noite.

Gelo e Dolores, uns xubilados de Culleredo, saben o que é facerse a un mesmo comezando desde abaixo e sendo moi novos. Gelo, no mundo da banca, e Dolores, como secretaria dun dos avogados máis prestixiosos da Coruña. Con esforzo, tesón e sacrificio construíron un fogar e presumen de terlle dado boa educación e estudos ás súas dúas fillas. Para o matrimonio, retirarse non supuxo parar. Todos os días atenden o xardín, o invernadoiro e a piscina. Non son de folgar: para eles, tempo sen investir é tempo perdido. Como se desenvolverán cunhas rapazas que poderían ser as súas fillas? Chegarán a entender o de vivir ao día ou desesperaranse co carpe diem? Dúas xeracións tan opostas poderán aprender algo unha da outra?

Pola súa parte, Yoli vive en Baiona coa súa irmá pequena, Tamy. Ambas as dúas na trintena, pensan pouco no futuro e espremen os días todo o que poden. Invisten nelas, no seu ocio e coidado persoal, e viaxan polo mundo. Para elas, as redes sociais son escaparate, entretemento e ferramenta. Gozan do día a día e traballan para poder ser felices agora. Defenden que ninguén sabe o que vai suceder mañá e, polo tanto, construír mirando ao futuro é unha perda de tempo, xa que, ao seu modo de ver, a liberdade está por enriba de todo. Como se afará esta familia a un novo membro chegado da vella escola? A orde sentaralles ben ou reafirmaraas na idea de que a improvisación é o camiño correcto? A diferenza de idade será un obstáculo insuperable para poder dialogar?

Fuente Crtvg.es