A música de Verto, Manu Escudero, Yadhira, Os Carunchos e Christian Escuredo, protagonistas en ‘Luar’ este venres

0
1

Santiago, 24.04.2020.-    Os artistas galegos dos máis variados estilos son protagonistas esta noite do musical ‘Luar’ (21.55 h), que como cada venres acode en directo á súa cita cos espectadores da Galega. Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Beatriz Serén darán paso sobre o escenario a versátiles artistas como Christian Escuredo, actor e cantante valdeorrés, en cuxa traxectoria destacan os seus últimos papeis principais en aplaudidos musicais, e que esta noite ofrecerá unha versión en galego de ‘Amar polos dous’, canción gañadora no Festival de Eurovisión 2017, en homenaxe a Salvador Sobral.

O cantautor vigués Manu Escudero achegará ‘Conmigo vas a contar’, un canto de loita e á esperanza,  que interpretará a dúo coa tamén cantautora compostelá Yadhira.

Entre o elenco artístico tamén haberá bandas novas, coma Verto, grupo pop compostelán formado por Alberto Mira e Fernando Peleteiro, que achegará diversión co seu novo tema ‘Sempre igual’, e as inigualables composicións tradicionais galegas que ofrecen nas súas actuacións Os Carunchos.

Esta noite, os cantantes Lito, da Panorama, e Blas, da París de Noia, en representación das orquestras galegas máis populares, amosarán a peza ‘Fuerte tienes que empujar’, canción coa que queren simbolizar a unión destas formacións para superar os difíciles momentos que atravesa o sector, amais de interpretar tamén unha canción a dúo sobre o escenario.

‘Luar’ lembrará, a maiores, momentos especiais vividos no programa coas actuacións do Dúo Dinámico, Hugo e Yadhira, de Fangoria, de Rosario Mohedano e Rocío Jurado, e da asociación folclórica Traspés.

Á marxe das actuacións musicais, os presentadores do espazo conversarán sobre o mundo animal co biólogo Xabier Vázquez Pumariños e achegarán saúdos de artistas desde o confinamento. Os espectadores volverán ter a oportunidade de facerse co bote do concurso telefónico, que esta semana ascende a 2.500 euros, e contarán co humor do dúo Brandariz e Veiga.

Fuente Crtvg.es