A Radio Galega aposta este verán pola proximidade, o humor e a música

0
11

Santiago, 21.06.2021.-    A Radio Galega arranca este luns a súa programación de verán, que estará marcada pola información de proximidade e unha ampla oferta de programas musicais e de humor.

O ‘Galicia por Diante’ manterá durante os vindeiros meses os seus puntos de directo por toda Galicia cada mañá e estrea colaboradores de verán: a escritora Natalia Monje, o músico e escritor Pedro Feijoo e os membros do grupo Boyanka Kostova. O programa presentado por Kiko Novoa continuará ás 12.00 h coa sección ‘A Bóla Extra’, que aborda de xeito desenfado os temas de actualidade, e de 13.00 a 14.00 h abrirá á participación da audiencia unha hora dedicada á música, coa colaboración de Moncho Lemos. Ademais, continuará ofrecéndose en directo a edición de fin de semana deste magazine matinal.

O programa de información e entretemento ‘A Tarde’, presentado por Antón Rebollido, manterá o seu formato no horario de 16.00 a 19.00 h, así como os programas deportivos ‘Zona Mixta’ e ‘Ao Contraataque’. Nas madrugadas, o humorista Isi conducirá o ‘Pensando en Ti’, en substitución de Marcial Mouzo, desde o 1 de xullo ata o final da temporada de verán.

Nas tardes das fins de semana, durante o descanso das competicións ligueiras e, polo tanto, do ‘Galicia en Goles’, combinaranse programas de humor e de música como ‘Fondos Reservados’, presentado por Moncho Lemos, que ofrece os éxitos musicais das tres últimas décadas, lembrando anécdotas ou historias ocultas relacionadas con esas cancións; o espazo de humor e variedades ‘Como que non?’, conducido por Carlos Tresandí; ‘Consellería do Ritmo’, que ofrece unha serie de capítulos monográficos arredor dunha charla repousada de Tito Lesende cun artista no ámbito rock ou pop galego, e os concertos do ciclo ‘Galicia Emerxe’, entre outras propostas.

Fuente Crtvg.es