A Radio Galega e a G2 retransmiten este mércores a primeira eliminatoria da Copa do Rei de fútbol

0
1

Santiago, 31.10.2023.-    O mes de novembro comeza con moito fútbol nas canles da CRTVG. Este mércores, ás 12:00 h, a G2 e as plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes contarán desde o estadio Vero Boquete o partido entre o Compostela e o Tenerife, que abre o calendario galego na primeira eliminatoria da Copa do Rei de fútbol. Paco Santos e Fernando Romero de Paz trasladaranlle á audiencia da Radio Galega todo o que suceda sobre o terreo de xogo e ás 14:30 h, no espazo dos Deportes de ‘A Crónica’, que se emite pola FM, entrevistarán os principais protagonistas.

A partir das 15:00 h e ata as 23:00 h, Xoán Galán conducirá unha edición extraordinaria de ‘Galicia en Goles’ que os oíntes poderán seguir a través da FM e tamén de radiogalega.gal.  En total, son seis encontros con representantes da nosa comunidade: Turégano-Celta, Boiro-Mallorca, Antoniano-Lugo, Avilés-Arenteiro, Covadonga-Deportivo e Marbella-Rácing de Ferrol. Estes dous últimos partidos poderanse ver tamén en directo a través da segunda canle da Galega, ás 17:00 e ás 20:00 h, respectivamente.

Ao remate da competición, contra as 23:00 h, o programa ‘Ao Contraataque’ analizará todo o sucedido co equipo de especialistas que conforman a mesa de debate.

Xa o xoves, o Arousa completará o calendario galego recibindo o Granada. A partir das 19:00 h, radiogalega.gal e g24.gal/deportes retransmitirán o encontro desde o campo da Lomba, en Vilagarcía. Roberto Carlos Carballo encargarase da narración, con Gonzalo Alonso a pé de campo co micrófono sen fíos e os comentarios do adestrador José Valtierra.

Máis deporte esta fin de semana na Radio Galega

Na fin de semana, o equipo deportivo da Radio Galega volverá contar os eventos máis importantes do calendario, comezando o venres coa cobertura da Liga Feminina de baloncesto, a partir das 20:30 h. Na Malata, o Uni Ferrol recibe o Bembibre, mentres en Navia o Celta xoga ante o Araski. O Ensino de Lugo viaxa a Lleida para visitar o La Seu.

Xa o sábado, desde as 15:00 h, a atención estará posta no Celta-Sevilla, da Primeira División de fútbol profesional. E o domingo, o calendario obriga a ofrecer unha maratoniana xornada de ‘Galicia en Goles’, desde as 11:45 h ata as 01:00 h. Desta volta, o interese estará posto nas citas futbolísticas da Segunda Profesional e Primeira RFEF: Rácing de Ferrol-Andorra, Real Unión de Irún-Deportivo, Sestao-Celta Fortuna e Unionistas-Club Deportivo Lugo.

Fuente Crtvg.es