A Radio Galega forma parte dunha nova edición da iniciativa solidaria ‘A Radio Conta’ desde A Coruña

0
6

Santiago, 18.12.2019-  A Radio Conta chega á súa sétima edición. Uns 40 profesionais de todas as emisoras da Coruña (Radio Galega, Radio Marca, Onda Cero, Radio Nacional de España, InterCoruña, Radio Coruña-Cadena Ser, COPE e RadioVoz) deseñan, producen, elaboran e emiten conxuntamente un programa de radio que se realizará o día 28 deste mes desde o teatro Rosalía Castro da cidade herculina. Será de 17 a 20.00 h, con entrada de balde.

O programa que une ás radios da Coruña repítese, segundo o seu presentador, o xornalista Moncho Viña, co desexo de “superar” a “calidade radiofónica das seis edicións anteriores” e co mesmo dobre obxectivo: “a solidariedade e a homenaxe á radio local”. Así, xorde un proxecto único na historia de España “e paramos de investigar, pero cremos que tampouco se fixo en Europa”, declarou Viña hoxe na presentación desta nova edición, á que tamén asistiu a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Este ano A Radio Conta colabora con Asanog, que traballa con nenos oncolóxicos, que sofren cancro, e que ofrece todo tipo de apoio ás súas familias. A entidade, segundo explicou a súa vogal, Lorena Collazo, busca fondos para poder abrir na Coruña un piso de acollida para que os familiares destes cativos poidan residir mentres permanezan hospitalizados.

Para o día 28 prepárase un programa radiofónico de calidade e moi elaborado “pensado e repensado durante meses, moi solidario pero moi, moi divertido”, segundo definiu Moncho Viña. «Vai ser unha festa e ímolo pasar que ides flipar» dixo esta mañá Xosé A. Touriñán. O humorista e actor é un dos convidados do programa, que cualificou como «un exemplo» pola unión das radios participantes.

Xunto a Viña, neste sétimo A Radio Conta estarán os humoristas Xosé A. Touriñán e Moncho Borrajo, os actores Luís Iglesia e Marita Martínez ou o deseñador Antón Lezcano. A música porana Pablo Díaz, Brais Morán e As Tanxugueiras. Poderase oír as regueifas de Lupe Blanco e a voz do actor de dobraxe Javier López. Estarán as deportistas olímpicas Sofía Toro e Julia Benedetti. Nas redes, contarase con tuiteiros como Carolina Regueira, Uxío, Javier Varela, Sindo Novoa e Silcerino. E especial mención merece o guionista Óscar Cruz, grazas ao que a rexedora e os grupos municipais da Coruña van ter “algún tipo de papel” no programa, que estará cheo de sorpresas.

A Radio Conta poderase seguir no propio teatro, pola frecuencia das radios participantes e, por vez primeira, por ‘streaming’ na web do Concello da Coruña. A entrada ao recinto é de balde, con donativo voluntario. A iniciativa está aberta a colaboracións a través da fila cero e o número de conta: ES61 2100 1453 2102 0025 9900 (La Caixa).

Na foto, presentación hoxe na Coruña da sétima edición do programa solidario ‘A Radio Conta’.

Fuente Crtvg.es