A Radio Galega ofrece este mércores un especial ‘Galicia en goles’ co centenario do Celta e a final autonómica da Copa RFEF

0
20

Santiago, 29.08.2023.-  O mes de agosto remata con moito deporte na programación de verán da Radio Galega. O mércores, de 18:00 h a 00:00 h, os oíntes poderán gozar dunha edición especial de ‘Galicia en goles’, que terá tres puntos informativos: o estadio de Balaídos, o campo de Taboada e o pavillón de Ribadeo.

O Celta celebra o seu centenario cun partido entre xogadores que fixeron historia no club olívico e unha selección de estrelas internacionais. Sobre o céspede estarán exfutbolistas como Míchel Salgado, Revivo, Cañizares e Cannavaro, entre outros. 

Mentres, o campo de Taboada acollerá a final autonómica da Copa RFEF, entre o Racing Vilalbés e o Ourense CF, dous conxuntos que na fin de semana iniciarán a súa participación na Segunda RFEF. 

A competición futbolística volverá ás emisións da Radio Galega o venres, cun amplo ‘Galicia en goles’, que comezará ás 19:00 h, no estadio Santo Domingo co Alcorcón-Racing de Ferrol, da Segunda División Profesional, e continuará ás 22:00 h no Mediterráneo, co Almería-Celta, da Primeira División. O sábado, o Anxo Carro acollerá o Lugo-Deportivo, de Primeira RFEF. 

Durante o programa especial do mércores haberá un terceiro punto informativo, en Ribadeo. Alí, o Breogán de Lugo inicia a pretemporada ante o Porto. Os afeccionados ao deporte da canastra terán o sábado e o domingo unha ampla despregadura do equipo deportivo da Radio Galega, xa que Pontevedra acolle a celebración do clásico cuadrangular EncestaRías. O sábado, desde as 18:00 h, as plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes acollerán as retransmisións das semifinais: Breogán-Benfica e Obradoiro-Unicaja. O domingo, tamén as 18:00 h, ofreceranse en directo as dúas finais, primeiro a de consolación e, a continuación, a que pon o trofeo de campión en xogo.

Fuente Crtvg.es