A Radio Galega retoma a partir deste domingo a emisión do programa ‘Ferrado e Medio’, centrado na actualidade do agro

0
8

Santiago, 02.05.2020.-    A información puntual do agro regresa este domingo á Radio Galega co programa ‘Ferrado e Medio’, que retoma as súas emisións habituais, alteradas despois pola declaración do estado alarma. Presentado por Xusto López Carril, este espazo inclúe novas, reportaxes, entrevistas e historias humanas relacionadas co sector primario.

No seu regreso e durante as vindeiras semanas, o programa pasaralle revista ao sector agrogandeiro galego para ver como reaccionou e como se está a adaptar aos condicionantes e restricións derivados da crise sanitaria do Covid-19.

Así, este domingo, ás 07.00 h, ‘Ferrado e Medio’ testará a situación do sector leiteiro, da horta galega e do sector porcino. Para isto, Xusto López Carril falará co presidente da cooperativa SAT Busto – Corzón, Xosé Manuel Fernández; co presidente de Horsal, Alberto Amil, e co presidente da Federación Galega de Porcino, Xosé Antonio Vidal. Os oíntes tamén coñecerán o traballo da cooperativa Milhulloa, que desenvolve un novo concepto de cosmética ecolóxica transformando materias primas tradicionais en eficientes produtos activos. Ademais, o programa lembrará a tradición dos maios, unha festividade moi ligada ao rural, que se tería que estar celebrando esta fin de semana.

Fuente Crtvg.es