A Radio Galega retransmite este domingo desde Riazor o derbi Deportivo-Rácing de Ferrol

0
36

Santiago, 08.12.2022.-    O programa ‘Galicia en Goles’ ofreceu tres edicións especiais durante a ponte festiva e agora ten preparadas outras catro entregas para a fin de semana. O venres, desde as 20.30 h, analizará a xornada dos equipos galegos, escoitando os principais protagonistas.

O sábado, desde as 15.00 h, a atención estará posta en Balaídos, coa retransmisión do partido da Primeira RFEF entre o Celta B e a Cultural Leonesa. Ademais, haberá seguimento ao polideportivo, coas competicións de balonmán, fútbol sala e hockey sobre patíns. Tamén o proxecto #GaliciaEnXogo aparecerá en antena ás 13.00 h coa visita aos clubs Sober e Río Sil. Ás 15.15 h chegará a sección dos xogos electrónicos e na última hora, de 23.00 a 00.00 h, compartirán emisión o mundo do motor e a actualidade dos galegos que preparan os Xogos de París 2024.

Xa o domingo, a edición do mediodía contará o derbi da Segunda RFEF entre o Lugo B e o Coruxo, mentres que a sesión de tarde estará centrada noutro encontro de rivalidade, desta volta na Primeira RFEF, entre o Deportivo da Coruña e o Rácing de Ferrol. Antes, xogarase no Toralín outro partido entre dous equipos próximos: a Ponferradina e o Club Deportivo Lugo. O Pontevedra-Rayo Majadahonda, o Compostela-Valladolid Promesas e o Ourense C. F.-Avilés completan o menú futbolístico.

Ademais, haberá baloncesto ACB e os afeccionados poderán escoitar íntegros o Breogán-Barcelona e o Bilbao-Obradoiro a través de radiogalega.gal, g24.gal e a aplicación para o móbil. A partir das 23.00 h, unha vez rematada a xornada, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ pasarán consulta coa audiencia.

As emisións de ‘Galicia en Goles’ chegan a través das plataformas de FM, TDT e radiogalega.gal. Ademais, o programa pode verse pola canle de YouTube da Radio Galega e as webs da CRTVG.

Fuente Crtvg.es