A Radio Galega retransmite este mércores desde o estadio José Zorrilla o partido de Liga Valladolid-Celta

0
22

Santiago, 18.10.2022.-    A Liga de Primeira apura o calendario antes da parada polo Mundial de Qatar. Este mércores, o Celta de Vigo afronta a visita ao Real Valladolid, nun partido dos da súa liga particular, para evitar a zona perigosa da clasificación, que será ofrecido en directo na Radio Galega. As últimas derrotas non xeraron alarma no club vigués, xa que eran rivais teoricamente superiores, como o Barcelona e a Real Sociedade. Así e todo, a cita no estadio José Zorrilla si é importante, de cara a sumar puntos que dean tranquilidade na táboa.

O programa ‘Galicia en Goles’ comezará ás 18.45 h e prolongarase ata as 22.00 h, para ofrecer en directo a rolda de prensa de Coudet e falar en exclusiva co mellor xogador do Celta.

Roberto Carlos Carballo estará presente no estadio Zorrilla, arroupado na retransmisión polo xornalista Víctor López, o ex-adestrador Moncho Carnero e o comentarista Jorge Paz. Desde os estudios centrais, Paco Santos repartirá xogo durante as máis de tres horas de emisión.

Durante o programa tamén haberá conexións cos partidos Arenteiro-Real Unión de Irún, correspondente ás semifinais da Copa Federación, e Barbadás-Lugones, da fase previa da Copa do Rei.

Na fin de semana, ‘Galicia en Goles’ ofrecerá un total de catro edicións. A primeira chegará o venres, de 20.30 a 00.00 h. A segunda, o sábado, de 15.00 a 00.00 h. O domingo haberá dúas: a matinal de 12.00 a 14.00 h, e a da tarde, que comezará ás 15.00 h para prolongar a emisión ata a 1 da madrugada.

Fuente Crtvg.es