‘Clac’ achega este venres ‘As altas presións’, película que se adentra nas frustracións dunha xeración

0
12

Santiago, 03.06.2021.-  O novo programa de cinema ‘Clac’ (22.55 h) trae este venres unha longametraxe galega destacada, participada pola Televisión de Galicia, a película ‘As altas presións’. Previa á súa emisión esta noite na G2, a presentadora Tania Fernández Lombao, xunto ao experto en cinema e compañeiro dos medios públicos Eduardo Galán, conversará no estudio sobre a cinta co seu director, Ángel Santos, e coa actriz Marta Pazos.

Os convidados nesta edición de ‘Clac’ falarán sobre o proceso de gravación do filme, como se fixo o cásting e a maneira en que se integrou a Marta Pazos nesta longametraxe, que conta as frustracións dunha xeración. Tamén na sección ‘Claqueta’ veranse as escenas favoritas da película para Ángel Santos e Marta Pazos.

Galardoada co Premio Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, conta a historia de Miguel, que vive en Madrid e se traslada a Galicia, a súa terra de orixe, para buscar localizacións onde rodar unha película que dirixirá outro director. O regreso a súa cidade natal, Pontevedra, permítelle volver ver vellos amigos e ofrécelle a posibilidade dunha nova relación e, sobre todo, de reencontrarse consigo mesmo.  

Esta segunda longametraxe de Santos, dirixida en 2014, está interpretada por Andrés Gertrúdix, Itsaso Arana, Diana Gómez e Juan Blanco. ‘As altas presións’ está producida por Matriuska Producciones e rodouse co apoio da Televisión de Galicia, da Agadic e do Concello de Pontevedra.

Ademais do coloquio e a proxección da película, o espazo incluirá unha sección con información da actualidade cinematográfica e da carteleira.  

Fuente Crtvg.es