A Ribeira Sacra é esta semana o escenario de ‘Come a Comarca. As Batallas’, cun enfrontamento entre Chantada e a Terra de Lemos

0
16

Santiago, 20.01.2021.-   A Ribeira Sacra é a espectacular paisaxe que comparten as comarcas protagonistas da nova batalla de ‘Come a Comarca’: Chantada e a Terra de Lemos. O presentador do espazo da TVG, Fran Cañotas, percorrerá as fermosas ribeiras do río Miño, que pasa ao carón de Chantada, e as do Cabe, en Monforte, para dar cos seus mellores cociñeiros. Nesta zona, son omnipresentes as vides da viticultura heroica, que rematan en mencías e godellos excelentes.

Pero non só de bos caldos presumen ambas as dúas zonas. En Chantada, a busca dos mellores profesionais dos fogóns ten parada en Airas Moniz, explotación de vacas ‘jersey’ que pode presumir de elaborar o mellor queixo azul de España. Os espectadores percorrerán ademais en barca o Miño, con parada no Cabo do Mundo, o famoso meandro que o curso das augas fan xa preto do Saviñao. Esa curva fluvial é unha das paisaxes máis icónicas da redonda. Pola súa parte, a Terra de Lemos será zona de traballo labrego e nela haberá que recoller nabizas nas leiras de María Castaña, produtores de agricultura ecolóxica. E se de premios se trata, en Bóveda, o programa visitará Gutrei Galicia, medalla de ouro no campionato do mundo da carne.

Cando Cañotas complete os equipos comarcais, con cadanseus cinco cociñeiras e cociñeiros, chegará o prato forte de ‘Come A Comarca. As Batallas’: o duelo entre as dúas formacións, onde só unha acadará a clasificación para a fase final. Para facelo terá que elaborar o menú que presenten os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, con diferentes retos culinarios e sempre no tempo marcado. Unha trepidante contra o reloxo entre tixolas e potas en que os concursantes terán que elaborar 15 racións de cada un dos pratos (primeiro, segundo e sobremesa). Estas elaboracións serán sometidas a un esixente xurado, formado por 15 expertos en gastronomía, que nunha cata a cegas terán que decidir se, ben Chantada ou ben a Terra de Lemos, acadaron o sabor agardado.

O conxunto chantadino está capitaneado por Antonio Lorenzo, de A Faragulla, que contará coa súa nai, Ana María, de axudante experimentada. Roberto Iglesias, xerente de Os Pendellos; Michele Salucci, de rutas fluviais Quinta Sacra, e Xesús Mazaira, de Airas Moniz, completan a formación.

Os da Terra de Lemos teñen como xefe de equipo a Manuel Fernández, de Manuel Bistró, que terá de axudante a María del Carmen González. Acompañarannos Manuel Rodríguez, da Tapería Brancellao; Brais Gómez, de Trespés Comidas e Petiscos, e Manuel Moure, da pastelería El Parque.

16 comarcas cos seus respectivos equipos participan en ‘Come A Comarca. As Batallas’. O gañador do enfrontamento desta semana disputará a final da provincia de Lugo fronte á Terra Chá. Os gañadores das catro provincias darán paso ás finais da zona norte e sur e, finalmente chegarase á finalísima do programa. O equipo que acade este obxectivo levará 5.000 euros, suma que se multiplica por tres se resulta vencedor.

Fuente Crtvg.es