A serie ‘Auga Seca’ da CRTVG chega á plataforma HBO

0
9

Santiago, 06.03.2020.-  O thriller ‘Auga Seca’, actualmente en emisión na canle pública galega, chegará proximamente á plataforma HBO despois de que hoxe se pechara o acordo comercial que levará esta ficción producida pola Televisión de Galicia coa Rádio e Televisão de Portugal (RTP) a esta plataforma. ‘Auga Seca’ convértese así na primeira serie en galego que se incorpora ao catálogo de HBO, que tamén ofrecerá versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e inglés.

TVG emitirá este domingo pola noite (22.30 h) o último capítulo deste trepidante thriller de seis capítulos, dirixido polo galego Toño López, sobre o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. Esta nova colaboración entre a TVG e a RTP foi gravada no 2019 entre Vigo e Lisboa e conta nos papeis protagonistas cos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos e a portuguesa Victoria Guerra.  ‘Auga Seca’, coproducida pola galega Portocabo e SP-i, a produtora de televisión máis importante do país veciño, avanza na súa distribución internacional a través da distribuidora británica DCD Rights.

Coa chegada de ‘Auga Seca’ a HBO, a CRTVG segue a estender a lingua e o audiovisual galego polos mercados internacionais. Rodada orixinalmente en galego e portugués, ‘Auga Seca’ é a segunda produción audiovisual que leva a lingua galega a unha plataforma dixital, despois de ‘O sabor das margaridas’, todo un éxito internacional en Netflix desde 2019 e da que a TVG estreará proximamente a súa segunda temporada tamén os domingos e en horario de máxima audiencia.

Fuente Crtvg.es