‘Eu quero Corpus’ viaxa esta noite por toda Galicia para descubrir historias de xente que vive esta festa con auténtica paixón

0
16

Santiago, 09.06.2021.-     A TVG ofrece este mércores pola noite ‘Eu quero Corpus’, un programa especial dedicado a unha das primeiras celebracións da temporada, que propón unha intensa e divertida viaxe por toda Galicia para descubrir os contos da xente que vive con auténtica paixón o Corpus. As reporteiras do programa, Adela Bértolo, Fátima Mella, María Rial e Rocío Candal, estarán nos concellos de Ponteareas, Ares, Gondomar, Redondela e A Guarda.

En Ponteareas, cuxo Corpus está declarado como Festa de Interese Turístico Internacional, gozarán dunhas espectaculares alfombras florais e dunha emotiva procesión á que acudirán veciños e visitantes. Sen marchar deste concello pontevedrés, as reporteiras descubrirán os segredos do pemento da parroquia de Guláns e afondarán na historia dos membros da Banda de Música Unión de Guláns. Tamén terán tempo para coñecer a familia Souto, que leva máis de 75 anos fotografando os mellores momentos do Corpus.
    
En Gondomar estarán con Ismael, María Luisa o seu fillo Arturo, que nestes días de Corpus fixo a comuñón. E despois irán á fábrica de rosquillas de Rosa. Ela é unha auténtica lenda das romarías que coñece ben as tradicións do Corpus.
    
O percorrido do programa desta noite continuará en Ares, onde os veciños dedicaron a Festa do Corpus a engalanar os seus balcóns e os negocios desta fermosa vila mariñeira da provincia da Coruña. Ademais, os espectadores coñecerán os alumnos do CPI As Mirandas, que xa saben facer alfombras florais con moito xeito. E, para non marchar de Ares co estómago baleiro, as reporteiras de ‘Eu quero Corpus’ probarán dúas especialidades da vila: as ‘parrochas afogadas’ e o polbo á feira.
    
A continuación, estarán en Redondela para participar na tradicional Festa da Coca, un dos maiores atractivos do Corpus deste concello. Alí haberá alfombras de flores e, claro está, a Coca, o temible dragón que fai as delicias dos nenos e que sairá ás rúas xunto cos xigantes e os cabezudos. O espazo da TVG non marchará de Redondela sen coñecer de primeira man a orixe da danza das burras e as penlas e a danza das espadas. Aínda que as reporteiras tampouco se esquecerán de saborear os chocos, o maior emblema da cociña redondelá.
    
‘Eu quero Corpus’ tamén fará parada no concello da Guarda. Alí celebran un Corpus moi especial acompañado polas mellores lagostas cociñadas dunha chea de formas diferentes. E para que non falte de nada, o programa ofrecerá a actuación de Os Melidaos e Airiños do Mar de Teis.

Fuente Crtvg.es