A serie ‘Auga Seca’ inicia o luns en Vigo a rodaxe da súa segunda temporada

0
19

Santiago, 28.01.2021.-   A serie ‘Auga Seca’, un drama policial situado no tráfico de armas e estreado con éxito o pasado ano en RTP, TVG e HBO, regresará cunha nova temporada que inicia a súa rodaxe o vindeiro 1 de febreiro en Vigo, coas máximas medidas sanitarias e protocolos de prevención da covid-19. A rodaxe estenderase ata mediados de marzo en Vigo e arredores, para logo desprazarse ata Lisboa, onde finalizará a comezos de abril.

Nesta segunda temporada, que terá 8 episodios de 50’, ‘Auga Seca’ afondará nas orixes dos negocios da familia Galdón e os seus conflitos coa familia de Teresa, a protagonista interpretada pola actiz portuguesa Victoria Guerra. No elenco repiten actores galegos e lusos coma Monti Castiñeiras (Mauro Galdón), Sergio Pazos (inspector Viñas), Eva Fernández (Irene), Belén Constenla (Dulce) ou Adriano Luz (Lázaro), xunto a novas
incorporacións ao elenco que se revelarán proximamente.

‘Auga Seca’ é unha serie de Portocabo coproducida coa produtora portuguesa SPi para a Rádio Televisão Pública de Portugal e a Televisión de Galicia. HBO España e Portugal estrearán en primicia esta segunda temporada. A primeira entrega, xa dispoñible, é a primeira serie en versión orixinal en galego que se emite nesta plataforma. Toño López volve asumir a dirección, canda o realizador portugués Sérgio Graciano e baixo a produción executiva de Alfonso Blanco de Portocabo, creador da serie, e de José Amaral de SP-i. O guión corre a cargo de Carlota Dans, Roberto G. Méndez, Miguel Simal, Alfonso Blanco, Nina Hernández e Ana Míguez. A dirección de fotografía é de Lucía C. Pan e Manuel Pintos, e a música de Elba Fernández e Xavi Font .

‘Auga Seca’, thriller de éxito na súa emisión na TVG, foi o pasado mes de abril a primeira serie en lingua galega que se incorporou ao catálogo da plataforma HBO, como aposta da CRTVG por estender a lingua e o audiovisual galego polos mercados internacionais. Rodada orixinalmente en galego e portugués, ‘Auga Seca’ é a segunda produción audiovisual que leva a lingua galega a unha plataforma dixital, despois de ‘O sabor das margaridas’, todo un éxito internacional en Netflix.

Os usuarios da CRTVG teñen dispoñible a primeira temporada de ‘Auga Seca’ ao completo na súa plataforma enserie.gal, o servizo en liña de cine e series da Televisión de Galicia.

Fuente Crtvg.es