Os medios públicos retransmiten este sábado o acto da RAG polo Día das Letras Galegas

0
11

Santiago, 30.10.2020.-   Os medios públicos galegos ofrecerán este sábado unha programación especial arredor do Día das Letras Galegas, que tivo que adiarse da data tradicional do 17 de maio por mor da pandemia do coronavirus. A web da CRTVG e a Radio Galega ofrecerán en directo, a partir das 12.00 h, o pleno da RAG que se celebrará na sede coruñesa desta institución.

O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual de Ricardo Carvalho Calero, o persoeiro a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2020. Intervirán Margarita Ledo Andión, Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.

Ademais, os programas ‘Diario Cultural’ e ‘Zigzag’, buques insignia da información cultural na Radio Galega e na Televisión de Galicia, respectivamente, emitirán este sábado senllas edicións monográficas arredor da figura de Carvalho Calero. Ás 09.30 h, o espazo presentado por Ana Romaní ofrecerá unha ampla reportaxe sobre a súa vida e obra e unha entrevista co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. Ás 11.30 h, na primeira canle da TVG, María Solar seguirá achegándose á figura do escritor e intelectual ferrolán e conversará co sociolingüista Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega e membro da RAG.

O grupo Clásicos Libres gaña o concurso ‘Musicando Carvalho Calero’

Este venres coñeceuse o nome da formación gañadora do concurso ‘Musicando Carvalho Calero‘, posto en marcha pola Radio Galega e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas. O grupo Clásicos Libres, co tema ‘Ferrol 1916’, baseado nun poema do autor, foi o que máis votos recibiu na fase de votación popular posta en marcha a principios deste mes na na páxina web http://carvalho2020.gal, onde se pode consultar a clasificación dos 10 finalistas, elixidos por xurado popular entre os 80 temas que se presentaron a concurso.

Liderada polas irmás galegas Adriana e Ánxela Arias, Clásicos Libres é unha formación internacional de músicos de influencia clásica, que emprenden con este proxecto unha viaxe na procura das posibilidades que ofrecen os diferentes xéneros. Neste caso fusionaron sonoridades pop/rock con matices de música celta, tan característicos da música popular galega, e para isto escolleron ‘Ferrol 1916’. O tema foi composto polo italiano Giulio Pietropaolo Castellani e conta tamén coa participación do baixista colombiano-alemán Raúl Mauricio Platz Marroquín e do guitarrista turco Özdemir Kalyoncu.

Máis de 4.000 persoas participaron nas votacións dun certame en que quedou en segunda posición A Banda da Loba con ‘O sonho da Catarina’ e, de terceiro, Dandy Fever, con ‘Calquer lugar é bom para morrer’. O premio para o grupo gañador, por parte da CRTVG, será promoción, entrevistas e actuación na Radio Galega e a TVG. Ademais, poderá gravar o seu tema nos estudios da Radio Galega, incluída a gravación dun vídeo musical. Por parte de AGAL, a asociación entregará un premio en metálico de 1.500 €.

Fuente Crtvg.es